As historias de Instagram poderán publicarse en Facebook

xoves, 5 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A publicación en Facebook das historias de Instagram leva un mes en probas en Portugal

A integración entre Instagram e Facebook é tradicionalmente boa, de xeito que cando realizamos unha publicación ordinaria en Instagram podemos facer que se replique de xeito natural en Facebook (dun xeito moi diferente ao que acontece con Twitter, plataforma que non ofrece previsualización dos contidos de Instagram por ser unha plataforma competidora), e esta integración está a avanzar para facilitar a publicación simultánea en varias plataformas dun xeito áxil, e quere trasladarse tamén ás historias, algo que leva un mes en probas en Portugal, e que finalmente chegará ao resto do mundo, de xeito que moitos usuarios particulares teñen xa dispoñible a opción de, á hora de publicar unha historia, poder marcar como destino tamén a Facebook, mellorando así a súa distribución.
Polo momento esta funcionalidade non está dispoñible para contas de empresa, e aínda que a novidade podemos vela como unha prestación para facilitar que os contidos cheguen a un público máis amplo, resulta inevitable pensar que esta estratexia de Facebook o que persegue é mellorar o uso das historias de seu, xa que actualmente as historias de Facebook son un rotundo fracaso, cun nivel de uso reducidísimo, mentres que en Instagram son o formato que máis está a callar entre os usuarios máis novos.

PUBLICIDADE