Arrinca a Semana da Seguridade do INTECO

luns, 28 de novembro do 2011 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), a través da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) e o Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (INTECO-CERT), vén de darlle o pistoletazo de saída á Semana da Seguridade en España, que celebra para concienciar aos usuarios de Internet sobre a importancia dunha navegación segura e con tino.
O evento desenvolverase entre hoxe e o 4 de decembro, e coincidirá coa celebración do Día Internacional da Seguridade da Información, o vindeiro día 30 deste mes.
Entre as actividades que se desenvolverán estes días para concienciar sobre a importancia da seguridade da información na Rede, destaca un seminario sobre a normativa Common Criteria, organizado de maneira conxunta co Clúster da Seguridade da Comunidade de Madrid, no que se dará a coñecer a metodoloxía e proceso de certificación de datos. Esta acción, que se poderá seguir en liña a través do servizo de videostreaming da web ZonaTIC, terá lugar hoxe mesmo, e vai destinada a desenvolvedores de produtos de seguridade.
O programa do evento tamén recolle unha mesa redonda que terá lugar o mércores, día 30, na que se analizarán os retos aos que se enfronta a seguridade na Rede. A mesa, Tu sentido común en Internet, contará coa participación de varios reputados expertos en marketing dixital e redes sociais como son: José Antonio Gallego, presidente de Aerco; Gaby Castellanos, CEO de Sr. Burns; Juan Merodio, CEO Grupo Elías; Javier Fernández-Villacañas, da COPE e Juan Domingo Farnós, investigador de Tecnoloxías Educativas na URV.
Este acto tamén será retransmitido por videostreaming a través da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI), fomentando asemade a participación dos internautas a través de Twitter co hashtag #tusentidocomun.
Baixo este lema, INTECO intenta convencer á cidadanía de que a navegación na Rede “debe estar marcada polo sentido común do internauta”, e faino a través dunha orixinal web onde, de maneira moi divertida, achega as claves para navegar con sentidiño, por medio de divertidos xogos e cómics, material de interese para descargar e o concurso, Adopta a Teclitas, do que falamos recentemente en Código Cero.

PUBLICIDADE