A Oficina de Seguridade do Internauta convoca un concurso na Rede

xoves, 17 de novembro do 2011 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), na súa teima por concienciar á cidadanía dos perigos que achega o uso incorrecto da Rede e facer desta un lugar seguro, vén de convocar, a través da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI), un peculiar concurso en Facebook, que leva por nome Adopta a Teclitas, no que se poñen a proba os coñecementos sobre seguridade online dos participantes.
Teclitas é un ordenador abandonado polo seu dono, que nunca tivo protección fronte ás ameazas de seguridade en liña tales como virus, spam, phishing ou troianos; xa que logo, a OSI, a través da web Tusentidocomun.com busca unha persoa “adoptante”, que sexa responsable, e que saiba darlle os coidados dos que carece o descoidado ordenador.
As persoas interesadas en participar na proba teñen de prazo ata o vindeiro 25 de novembro, e para facelo só teñen que facerse seguidores da páxina da OSI en Facebook facendo un clic no botón “Gústame”. Deste xeito entran directamente na aplicación do concurso, onde deberán superar as probas de adopción de Teclitas que se propoñan, no menor tempo posible.
Un segredo que revela a OSI na súa información é que para mellorar os seus resultados, os internautas poderán consultar o Decálogo do Sentido Común que achega a devandita web, ou ben seguir as pautas apuntadas nas páxinas de Facebook e Twitter.
Os dez participantes que obteñan as mellores marcas de tempo participarán directamente no sorteo dun MacBook Air.

PUBLICIDADE