Ningún hoverboard conta con certificación de seguridade nos EE.UU.

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Antes do Nadal disparáronse todas as alertas ao ver como Amazon retiraba da súa tenda en liña os hoverboards ou patíns eléctricos de fabricantes como Swagway tras diversos accidentes domésticos provocados pola explosión das súas baterías durante a carga, ao que as compañías que vendían os trebellos reaccionaban asegurando que contaban con todas as medidas de seguridade esixibles para poder comercializar os seus produtos, pero parece ser que iso non é certo, xa que a Comisión de Seguridade de Produtos de Consumo publicou un comunicado no que aseguran estar a investigar a situación que sería moito máis grave do que podería parecer a primeira vista, xa que, ao parecer, ningún hoverboard tería acadado unha certificación de seguridade oficial (senón que só teñen algún dos seus elementos certificados).
Temos así que os selos que locen no seu exterior os patíns eléctricos, nos que certifican a seguridade dos produtos, estarían falsificados ou estarían a presentarse de xeito enganoso e, aínda que a certificación non sexa algo obrigatorio, parece evidente que a súa carencia nun produto é motivo de preocupación para os consumidores.
Amazon non só deixou de vender os hoverboards, senón que incluso permitiu que os compradores puideran devolver os seus sen problema, e dende a Comisión de Seguridade confían en que outras compañías fagan o mesmo, especialmente no caso de patíns que presenten certificacións enganosas. De feito, a compañía de certificación UL tamén tivo que saír á palestra para dar conta de que aínda que si certificaron algúns cargadores e baterías de hoverboards, existen moitos outros elementos que conforman o produto completo, e nin sequera estableceron o procedemento de certificación destes patíns, polo que os consumidores teñen que ser conscientes de que se mercaron un hoverboard que amosa o logotipo de UL non supón que sexa un produto seguro.
E tamén cómpre indicar que non só estamos a falar de que os hoverboards sexan perigosos polos incendios das súas baterías, senón que tamén están a provocar moitos casos de lesións de distinta índole, polo que estariamos ante un produto moi perigoso, que habería que empregar sempre con proteccións (especialmente en xeonllos, cóbados e cabeza).
En caso de ousar a seguir usando un destes produtos, insisten na necesidade de contar sempre cun extintor nas proximidades, recargar a súa batería en zonas abertas e lonxe de materiais combustibles, empregalos co equipamento propio dun patinador deportivo e evitar o seu uso preto de estradas.

PUBLICIDADE