Alertan da falta de seguridade dos hoverboards

luns, 14 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses, e aproveitando o aniversario de Regreso ao Futuro, xurdiron numerosos monopatíns eléctricos alcumados como hoverboards (pese a non ter moito que ver realmente cos patíns voadores da ficción), de xeito que incluso se están a converter nos grandes competidores dos drons como agasallos electrónicos de Nadal, pero como moitas cousas producidas en masa e pouco coidado para aproveitar a moda, a prudencia na compra tamén é moi recomendada, e incluso tendas en liña como Amazon están a tomar precaucións, e retirou da venda numerosos destes produtos.
Unha das marcas afectadas por este veto é Swagway, unha das máis coñecidas en EE.UU., que foi identificada nun fogar de New York no que un destes célebres monopatíns eléctricos esbourou durante a súa carga, segundo advertiron dende o Departamento de Bombeiros. Amazon rexeita agora vender os seus produtos até que entreguen documentación demostrando que os hoverboards cómpren as normativas de seguridade esixibles para dispositivos eléctricos con baterías (que aseguran cumprir).
Polo momento os produtos de Swagway parecen desaparecidos de Amazon, e posiblemente estean a ser vítimas do pirateo da súa marca, xa que é doado atopar numerosos hoverboards doutros fabricantes que presentan a marca de Swagway na súa caixa, suplantando un produto ao que simplemente se parecen (é realmente difícil distinguir as distintas marcas se non se ten un coñecemento profundo das mesmas).
En Europa aínda non se alertou do perigo destes dispositivos, pero non sería de sorprender que acontecese tal despois do Nadal, xa que nos EE.UU. detectaron numerosos incendios provocados polos hoverboards, e tal vaga de accidentes podería reproducirse a este lado do Atlántico, cando os patíns cheguen en masa aos fogares.
Actualmente estiman que só na área de Shenzhen hai un milleiro de fábricas de hoverboards, ou sexa, que estamos ante un produto de fabricación moi pouco controlada, do que os vendedores están a buscar constantemente o provedor máis económico, de aí que a seguridade non pareza ser a prioridade, polo que a súa compra debería ser algo a realizar con certa precaución e non deixarse levar por prezos rechamantes que poidan supor un risco para a seguridade do fogar.

Os hoverboards son un produto de moda,e como outras febres, convén non deixarse levar, e tomar unhas mínimas precaucións para non adquirir produtos que poidan resultar perigosos

PUBLICIDADE