Aerocamaras forma en pilotaxe de drons a profesionais das emerxencias de toda España

mércores, 18 de abril do 2018 Redacción

Desenvolvemento do Curso de Piloto de Drons en Emerxencias de Aerocamaras

A firma galega Aerocamaras vén de dar un novo paso en calidade innovadora e formativa, máis polo miúdo no ámbito do adestramento para pilotos de drons. Desta volta, a empresa ourensá organizou na provincia a terceira convocatoria do Curso Oficial de Piloto de Drons en Situacións de Emerxencias, que segundo nos confirman fontes de Aerocamaras, sería a primeira formación homologada deste tipo en todo o ámbito estatal. Entre os obxectivos deste curso (que tivo esta semana a seu parte presencial en varios puntos da provincia de Ourense) está o seguinte: adquirir os coñecementos e maila capacidade precisa para apoiar aos equipos intervenientes de cara á visualización remota de espazos afectados, transporte de material e outras accións de apoio aéreo.
A formación de Aerocamaras está destinada a persoal profesional ou voluntario dos servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento que traballan en situacións de emerxencias de todo tipo.
Na súa convocatoria de estrea, a empresa galega formou por primeira vez un consorcio de bombeiros de España na pilotaxe de vehículos aéreos en situacións críticas, sendo o de Ourense o primeiro en obter o título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Xunta de Galicia) á vez que acadou o certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para ser Piloto Profesional de Drons (a finais de outubro). Nesta terceira convocatoria a compañía está a formar a persoal do ámbito das emerxencias como son bombeiros, membros de Protección Civil, Salvamento e Forestais de toda España.
Segundo explica Aerocamaras, para o desenvolvemento desta actividade de adestramento específico é preciso ser piloto profesional de drones, polo que este curso tamén contempla esta acción formativa para aquelas persoas que non posúan esta certificación da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
O curso acadará a súa cuarta edición o vindeiro 4 de xuño, intre no que arrincará a parte en liña. A vertente presencial será entre o 16 e o 20 do mes de xullo.
Durante a parte presencial desta semana contempláronse prácticas con equipamento específico en tres localizacións diferentes: o Pazo de Vilamarín, Celanova e o Encoro das Cunchas, en Muíños. Neste tres localizacións o alumnado desenvolveu prácticas con aeronaves non tripuladas en situacións como incendios urbanos, rescate en zonas de difícil acceso, localización de persoas, rescate acuático, accidentes con mercadorías perigosas, aeronaves como repetidor de comunicacións ou envío de material de rescate en situacións de risco e críticas.
As persoas interesadas en inscribirse nos cursos poden porse en contacto con Aerocamaras a través do 986 18 18 18, www.cursodronesemergencias.com, www.cursodedrones.es ou a través da conta de correo info@aerocamaras.es.

PUBLICIDADE