AMTEGA clausurou o Foro Smart City de Santiago

luns, 23 de febreiro do 2015 Redacción

O Foro Smart City: Santiago Cidade Intelixente foi finalmente clausurado por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O encontro, celebrado en Compostela da man de El Correo Gallego (e do que falamos esta mañá para reflectir as achegas informativas do Goberno local), contou coa presenza de ducias de expertos (locais, galegos e estatais) en impulso innovador das cidades, un proceso, dixeron, que non só atinxe ás institucións e empresas TIC, senón tamén aos ámbitos políticos, económicos, sociais, sanitarios, culturais e medioambientais. Trátase, sinalaron, de preparar un futuro sustentábel e con calidade de vida, e de facelo entre todos. Esta idea tamén a recolleu Mar Pereira, que lembrou as liñas da Axenda Dixital de Galicia 2020.
Segundo fixo saber, este programa TIC “afonda na estratexia de transformación de Galicia nun territorio intelixente, que impulse a proliferación de servizos intelixentes facilitando a súa reutilización e intercambio”. A directora da AMTEGA sinalou que ao abeiro da Axenda, estanse a perfilar liñas de acción nos eidos educativo, sociosanitario, do transporte, do turismo, da preservación da cultura e patrimonio ou do goberno dixital, “que deben complementar e reforzar as estratexias smart das vilas e cidades da Comunidade”.
Ao seu xuízo, as bases sobre as que se apoia a transformación dos nosos espazos urbanos en espazos mellor xestionados e máis sustentábeis e limpos son, sen dúbida, as infraestruturas de telecomunicación. Ao fío disto, Pereira lembrou o traballo que se está a facer na “extensión de infraestruturas de telecomunicación por todo o territorio galego grazas ao Plan de Banda Larga”. Fixo saber, ademais, “que se cumpriu co compromiso de conseguir unha Galicia conectada, o 98% da poboación ten hoxe posibilidade de conectarse a Internet a través de redes fixas e sen fíos e o 2% restante a través de satélite”. Tamén informou sobre “o despregue de redes de nova xeración que permiten velocidades de 100Mbps, ás que teñen acceso máis da metade dos galegos, a día de hoxe”.
Os perigos dunhas contornas urbanas que non paran de medrar
A xornada Santiago Cidade Intelixente tamén contou coa participación, entre outros expertos, do profesor da Universidade de Santiago, Juan Arias, que foi sen dúbida un dos relatores que máis alertou sobre os problemas derivados dunha posíbel incorrecta xestión das cidades no futuro. Arias abriu a súa intervención analizando as principais necesidades das urbes de hoxe en día, “cada vez máis poboadas, cada vez máis demandantes de enerxía (practicamente toda a enerxía xerada no mundo vai para o consumo das cidades), cada vez máis saturadas de tráfico rodado e polo tanto máis contaminadas e insalubres”.
Na súa opinión, este e non outro é o intre de facer cousas, e sobre todo, facelas ben. Para comezar, apostou polas fórmulas da innovación e da cooperación entre organismos, administracións e empresas, xuntando forzas, compartindo estratexias e botando man das moitas oportunidades que abrollan das novas tecnoloxías da información. “A cidade”, dixo, “debe ser innovadora nos seus propios xenes, innovadora ao longo de todo o seu ciclo de vida”. Polo tanto, engadiu, unha Smart City debe ser quen de superar situacións adversas, debe ser sostible, segura, eficiente, participativa, inclusiva, igualitaria, innovadora e conectada”. Ademais, engadiu, debe dar acubillo a un uso intensivo das TIC e debe estar centrada no cidadán.
Arias tamén puxo exemplos de cidades que buscan o seu camiño ao abeiro do fenómeno Smart City: A Coruña, Barcelona, Madrid, Málaga, Santander ou Valencia. Ao seu xuízo e respecto da cooperación, é preciso intensificar a colaboración entre as urbes galegas e estatais, pero non só iso senón tamén entre as empresas, os organismos públicos e os cidadáns mesmos.

PUBLICIDADE