Santiago debulla ante ducias de especialistas en Cidades Intelixentes o seu modelo exportábel de urbe innovadora

luns, 23 de febreiro do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego de Antonio Hernández

Xa non é que apostar polas Cidades Intelixentes sexa unha recomendación, é que é unha obriga. Unha obriga que nos mobiliza como cidadáns e como futuros habitantes dos espazos (os espazos urbanos) que son en boa medida motores económicos do desenvolvemento actual e, tamén, os principais culpábeis dos problemas medio ambientais, sociais e económicos do presente. Esta obriga compartida e este chamamento a xuntar forzas e compartir fórmulas é a base do Foro Smart City: Santiago. Cidade Intelixente que se está a celebrar en Santiago (Hotel AC Pazo do Carme) da man do Grupo Correo Gallego.
A xornada, que clausura antes do xantar a directora da AMTEGA, Mar Pereira, serviu por unha banda para amosar o modelo de Cidade Intelixente polo que aposta Compostela e, pola outra, para abrir camiño (un camiño ancho e fluído) en materia de exportación de ideas e de recepción de propostas. Para impulsar este punto, a organización convocou múltiples especialistas en innovación urbana procedentes de Galicia e de todo o Estado.
Como dixemos, unha parte da xornada xirou, dende o primeiro intre (coa inauguración a cargo de Agustín Hernández, alcalde de Santiago), arredor da iniciativa concreta para converter Compostela nunha Smart City, o proxecto Smart IAGO. Os encargados de debullar os métodos a seguir e os principais retos foron o alcalde, a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, o director da Área de Desenvolvemento Sostible, José Oreiro Romar, e máis o xefe de Innovación do Concello (e presidente do CPEIG), Fernando Suárez. Este último centrou o seu relatorio en definir as necesidades principais e os grandes retos tecnolóxicos dunha cidade cunhas particularidades tan marcadas como as da capital de Galicia, urbe Patrimonio da Humanidade e cun casco histórico a protexer e impulsar e que actúa, aínda agora, como corazón social, comercial, hostaleiro e administrativo.
Suárez comezou apostando pola seguinte definición do que é e debería ser unha Cidade Intelixente: “Unha Cidade Intelixente é a que é quen de aproveitar os datos que produce acotío para xerar información nova que lle permita mellorar a súa xestión e ser máis sustentábel, máis competitiva e ofrecer mellor calidade de vida”. Esta é polo tanto a base do proxecto compostelán, dixo, crear unha contorna urbana que sexa o mais eficaz e eficiente posíbel, que achegue os mellores servizos ao tempo que prioriza o aforro e o respecto polos recursos naturais e que implique ao cidadán na súa consecución e desenvolvemento.
Unha cidade como Santiago non será Smart City, engadiu o xefe de Innovación do Concello, “se non atende a todos os seus retos á vez e dun xeito integrador”, dende implicar ás persoas e impulsar a innovación económica até apostar pola mobilidade, a xestión óptima e rendíbel dos refugallos e a conexión universal á Sociedade do Coñecemento.
Segundo fixo saber, o proxecto compostelán leva desenvolvéndose dende 2012 e, dende o principio, a idea sobre a que se sustentaba era a de acadar un modelo “útil, integrador e sustentábel”. En definitiva, un dos seus alicerces é que funcione como coñecemento aberto, xerando valor para a propia cidade pero tamén para calquera outra urbe con semellantes características ás de Compostela (un casco vello histórico xerando un eixe arredor do que xira todo o demais, patrimonio á impulsar cara ao futuro ao tempo que se blinda a súa protección, etc), co fin de que poidan aplicar as fórmulas de Santiago ao seu caso particular. Fórmulas, explicou, que pasan (por exemplo) por garantir a mellor conectividade á contorna histórica sen danar nin alterar o seu conxunto, por asegurar unha xestión intelixente do alumeado (xerando sustentabilidade e aforro e evitando contaminación lumínica), por impulsar a participación cidadá na separación e recollida de refugallos ou por establecer medidas para acadar un tráfico máis fluído e menor contaminación. Por certo que neste último reto inclúese, sen ir máis lonxe, o proxecto piloto para a implantación da aplicación Apparcar do que falamos os días pasados dende Código Cero (posto en marcha polo de agora na Avenida de Barcelona).

PUBLICIDADE