AJE Galicia achega novos detalles sobre o Networking, creando redes

martes, 31 de maio do 2011 Raquel Noya

O mediático Emilio Duró, logo de ter vido en varias ocasións a distintos relatorios e conferencias celebrados aquí, vaille acabar collendo gusto á nosa Terra, onde estivo por última vez o pasado 27 de maio (no ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional organizado polo CPEIG), e a onde volverá o vindeiro 30 de xuño, a participar como convidado no IV Congreso Internacional de AJE Galicia.
Este evento, que será inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xuntará a máis de 200 participantes chegados de toda Galicia e do norte de Portugal, os cales terán a oportunidade de citarse con importantes emprendedores e directivos da rexión para dar a coñecer as súas capacidades e ideas empresariais.
Networking, creando redes, da que falamos neste medio cando abriu o prazo de inscrición, vai ser unha das citas máis importantes para as persoas con grandes ideas do noso país, xa que nela poderán atopar, entre outras cousas, ferramentas de grande utilidade para a dirección efectiva de empresas, ao tempo que poden aproveitar para facer contactos comerciais.
O acto oficial de apertura será precedido por un seminario impartido por José Ballesteros de la Puerta, experto en desenvolvemento persoal e cambio organizacional. Ademais de Ballesteros e Emilio Duró, o congreso contará coa presenza de relatores de relevancia internacional como Jesús Encinar, de elidealista.com, Ana Díaz Sacristán, de Ebay ou Juan Carlos Vez, de Blu:sens.
Asemade, grazas a un acordo de colaboración asinado entre AJE Galicia e a Universidade de Vigo, o evento contará cunha mesa redonda dedicada ao emprendemento e a consolidación de empresas, na que falarán, entre outros, Luis Bonet (presidente do Grupo Freixenet) e Elías Pérez (xerente de Quobis Networks).
O devandito acordo, segundo informan dende a organización, tamén prevé a creación dun comité mixto que se encargará de seleccionar, entre os estudantes que se presenten ao Premio Joven Empresario (na categoría de Emprendedor), a tres universitarios “que poderán charlar cara a cara cun dos tres relatores máis destacados do programa”.

Oferta e demanda tecnolóxica

Este ano, asemade, como evento paralelo ao Congreso, celebrarase a I Xornada de Oferta e Demanda Tecnolóxica da comunidade, que foi presentada en Vigo polo director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e que ten como obxectivo “abrir un espazo de encontro no que as empresas poidan detectar oportunidades de colaboración e negocios baseados no desenvolvemento tecnolóxico”.
Cabe lembrar que o prazo de inscrición para participar no Congreso remata o vindeiro día 10 de xuño, e que pode formalizarse a través da web oficial do evento.

PUBLICIDADE