Aberto o prazo de inscrición para o Congreso de Networking que organiza AJEVigo

luns, 25 de abril do 2011 Raquel Noya

Imaxe do Congreso AJE de 2010A Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), fundada en Vigo hai máis de 20 anos, vai celebrar próximamente o seu IV Congreso Internacional, que este ano se centrará principalmente en proporcionarlle aos mozos e mozas emprendedores do noso país, as ferramentas de cooperación, marketing en redes sociais e internacionalización que precisan para encamiñar o seu futuro profesional.
Networking, creando redes é o título baixo o que se desenvolverán as xornadas desta edición, nas que participarán, coma de cote, entre 200 e 300 emprededores e empresarios chegados de España e Portugal.

Patricia García, presidenta da Asociación

O Congreso AJE, que xa ten aberto o prazo de inscrición, contará con especialistas en estratexias para a creación e consolidación de proxectos empresariais innovadores, así como con obradoiros de Networking para que os participantes, en palabras da presidenta da Asociación, Patricia García, “poidan coñecerse entre eles e establecer colaboración con clientes, provedores e inversores”.
Os relatores escollidos pola organización do evento coñecen e dominan á perfección as ferramentas TIC e posúen un alto grao de creatividade, necesaria para calquera estratexia de Networking.
Xa que logo non podía faltar Emilio Duró, un dos relatores convidados, coñecido pola súa actitude forte e optimista incluso en momentos de crise.
Duró é un prestixioso consultor de empresas multinacionais que, tal e como demostrou recentemente no late-night Buenafuente, está convencido de que “os fracasos profesionais rara vez se deben a cuestións técnicas, e son máis ben por causas emocionais”.
Outro convidado de excepción será Jesús Encinar, elexido un dos 25 españois máis influíntes de Internet e considerado un dos 5 CEOS españois máis reputados, que achegará a súa particular “fórmula para crear empresas de éxito optimizando ao máximo os recursos económicos.
Á presenza de Encinar e Duró hai que engadirlle a de Ana Díaz, PR Manager do servizo de Ebay para mercados emerxentes, que narrará de primeira man a súa experiencia en recoñecidas empresas como Match.com, Porter Novelli España e agora tamén Ebay.
O Congreso desenvolverase en Vigo os días 30 de xuño e 1 de xullo de 2011, e o prezo de inscrición é de 50 € para asociados e estudantes, de 90 € para membros de asociacións amigas e de 140 € para as persoas non asociadas.

PUBLICIDADE