A web do PP de Foz, hackeada este sábado, volve a estar operativa

luns, 13 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Aparencia que amosaba a páxina web do PP de Foz hai poucas horas

Un grupo de piratas informáticos que operan baixo a identidade de Anonymous (algo que está aínda está por ver), burlou esta fin de semana as (in)franqueables medidas de seguridade da web do PP de Foz, integrando na súa páxina de inicio un vídeo no que arremetían contra a clase política actual.
a Ao acceder á páxina do Partido Popular de Foz, aparecía unha ventá emerxente coa mensaxe “Somos Anonymous. Somos lexión” e ao facer clic en aceptar para que a mensaxe desaparecese, os usuarios aparecían na páxina do PP da localidade lucense porén cun aspecto totalmente distinto, cun fondo negro ao estilo Mátrix, onde aparecía a máscara de Anonymous e o devandito vídeo explicativo das causas do hackeo.
A peza audiovisual, que levaba activa na web do partido político lucense (ata hai un intre) dende o pasado sábado, e que agora se pode ver en YouTube, vai dirixida aos “detestados corruptos, plutócratas e demais vividores a costa do pobo”, e nela critícase a xestión do goberno en canto a desemprego e prevaricación, segundo eles, “a meirande prevaricación da historia”.
No vídeo tamén se acusa aos políticos de “detestados corruptos” e de “pactar cómo desmontar o país”, e os seus autores advirten que “nada nin ninguén pode parar o movemento Anonymous porque Anonymous son a xente”.
Na mensaxe implícita tampouco quedan impunes os banqueiros, a xustiza, a industria enerxética, as elites económicas, os partidos políticos, os grandes empresarios... aos que se acusan de “psicópatas”, “censores” ou “manipuladores”, entre outras cousas.
Como era de agardar, os internautas non tardaron en facer que o suceso fose Trending Topic en Twitter, así como unha das novas máis comentadas do día en tódolos medios.

PUBLICIDADE