A nosa terra únese á rede internacional de innovadores sociais Impact Hub

venres, 13 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

O vindeiro 20 de novembro vaise celebrar no MARCO de Vigo o encontro #doCompás, a primeira actividade organizada por Impact Hub Ría de Vigo, nodo galego (o primeiro das súas características na nosa terra) integrado por profesionais adicados á innovación social e o desenvolvemento. Este encontro será o seu acto de presentación, precisamente, e nel participarán axentes sociais, culturais e educativos, así como representantes de empresas e institucións, cun obxectivo duplo: dunha banda, coñecer mellor o proxecto e as persoas implicadas (artellar a comunidade que será a base do Impact Hub Ría de Vigo) e, doutra, traballar de xeito colectivo no bosquexo do funcionamento do nodo galego.
Segundo informan os responsábeis da iniciativa, Impact Hub conta con centros en máis de 70 países, arredor de 400 makers (fabricantes autosuficientes e independentes de tecnoloxías sen cancelas) e uns 11.000 membros en total. Segundo informa o equipo de Vigo, cada un destes centros ten un carácter propio, marcado polo contexto no que se insiren.

O espazo Impact Hub de Oakland

Con todo, si que hai un substrato aplicábel a todos os centros: o eixo común da rede é traballar “por un mundo máis xusto e sostíbel”, a través de proxectos deseñados para favorecer a economía social, a igualdade de dereitos e a inclusión tecnolóxica. En resumo, Impact Hub desenvolve a súa actividade profesional a favor do cambio social e do impacto deste traballo na realidade que nos rodea.

O Impact Hub de Barcelona

Pola súa parte, Impact Hub Ría de Vigo (IHRdV) nace inspirado polo interese en crear un espazo, tanto físico como virtual, que sirva como punto de encontro para impulsar oportunidades de co-creación e innovación social. Xorde ademais co obxectivo de xuntar iniciativas desenvolvidas tanto na comunidade galega coma no Norte de Portugal, mirando á Eurorrexión como unha mesma contorna dende o punto de vista social e cultural. En definitiva, do que se trata é de crear espazos comúns na Eurorrexión para compartir recursos, inspiración e oportunidades. Segundo conta o equipo vigués, un Impact Hub representa un punto intermedio entre un laboratorio de ideas, un centro comunitario e un espazo para o traballo colaborativo. Inspírase en boa medida filosofía da creación tecnolóxica sen cancelas nin límites (nin nun mesmo nin na contorna) que defende o movemento maker, do que falamos recentemente con motivo da apertura dun novo espazo tecnolóxico na Domus na Coruña.

PUBLICIDADE