A Coruña engade unha sala maker á Domus
mércores, 4 de novembro do 2015
Facer
tecnoloxía coas propias mans
é o leitmotiv
do
espazo Maker@Domus que se vén
de inaugurar
na Coruña da man do alcalde da cidade Xulio Ferreiro e o concelleiro
de Culturas, José Manuel Sande.
Segundo
apuntou o rexedor, con esta nova póla no tronco da Domus (inserida
na rede de Museos Científicos da Coruña), a Domus foi quen de aliñarse
cos museos científicos internacionais. Dende o emprazamento acabado
de inaugurar fomentarase tamén o traballo cooperativo e de rede. E
indo ao espazo en cuestión, a sala conta con varias contornas: unha
para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades
formativas, unha terceira para tarefas propias de maker
e dous espazos tipo fab-lab,
para traballos tipo obradoiro (cortadoras láser e tornos). Cómpre
subliñar que a sala é totalmente configurábel,
podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a
eventos máis multitudinarios.
Para a concepción e
desenvolvemento do espazo, a Domus colabora co Tinkering Studio do
Exploratorium de San Francisco, pioneiros a nivel mundial na posta en
marcha dun espazo maker inserido nun centro de ciencia e un
referente en educación STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería,
arte e matemáticas).
En canto a obxectivos e
funcionalidades da sala, Ángel Loureiro (xefe de servizo dos Museos
Científicos Coruñeses) explicounos: “Ten unha primeira parte de
traballos en grupo, onde se farán obradoiros clasificados por
idades. Algúns son eléctricos, incluso con temas de robótica.
Tamén hai unha zona para profesores que queiran formarse e non teñan
acceso a medios. A zona maker en si mesma, na que se levarán
a cabo os labores de fabricación está dotada con impresoras 3D,
software con código aberto…”, explicou, ao que engadiu: “A
nosa idea é abrilo todo ao público. O que queremos é que a xente
cree os seus produtos, e que á vez concienciemos aos e ás rapazas
da importancia do respecto ao medio ambiente e a sostibilidade.
Queremos tocar moitos temas de maneira transversal”.
Durante
o curso escolar, unha das principais actividades que acollerá a sala
serán os obradoiros para grupos escolares. Ofreceranse dous, para
escolares de entre 6 e 14 anos de idade, previa reserva. O primeiro, circuitos@domus, para
experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e
moitos outros compoñentes eléctricos e para comezar a comprender o
mundo da electricidade. Será os martes, de 11.00 horas a 12.30 horas
e está encamiñado a alumnado de Primaria e ESO. O segundo obradoiro
denomínase robots
pintores@domus. Desenvolverase no mesmo horario e nel os e as
alumnas crearán o seu propio dispositivo a motor.
Alén disto, estanse a levar a cabo dúas
actividades nesta sala, que teñen xa cubertas todas as súas prazas:
O Club Tecnolóxico e os Talleres Robotix. O primeiro celébrase unha
vez á semana ao longo dun trimestre. Os e as participantes realizan
un itinerario de aprendizaxe na área da robótica educativa, pasando
por diversas contornas de aprendizaxe e ferramentas dixitais. No
segundo, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, introdúcense de maneira
divertida na robótica, creando e traballando en equipo. No
obradoiro, impartido por Robotix (socio certificado de Lego
Education), experimentan coa forza e o movemento, o equilibrio e a
estabilidade aprendendo ciencia e tecnoloxía de xeito lúdico.