A nosa terra amosa o seu potencial en tecnoloxías aéreas perante arqueólogos de todo o mundo

mércores, 9 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Hoxe comezou a xuntanza anual da Aerial Archaeology Research Group (AARG), un evento que se celebra no centro cultural Abanca na praza de Cervantes de Santiago e que reúne preto de 80 investigadores de Europa e América compartindo visións e coñecemento arredor da arqueoloxía e, máis polo miúdo, dos últimos avances tecnolóxicos postos á súa disposición. Como por exemplo os vehículos aéreos non tripulados, drons, habilitados para as prospeccións e os rastrexos. De drons falou precisamente Pilar Morgade, directora de Programas de GAIN, na inauguración do encontro. Ao seu xuízo, a arqueoloxía aérea pode ser un importante nicho de actividade para o noso tecido empresarial de I+D, o mesmo tecido que está a centrar os seus esforzos nas potencialidades de acubillo tecnolóxico e aeronáutico do aeródromo das Rozas (Lugo).
Morgade tamén falou dalgúns dos grandes retos da Axencia Galega de Innovación, retos que coinciden en boa medida cos obxectivos da xuntanza AARG (organizada polo CSIC a través do INCIPIT), entre os que citou o establecemento de novos modelos de xestión dos recursos naturais e culturais, “buscando valorizar o noso rico patrimonio”. Tamén incidiu no reto de diversificar as industrias galegas cara a alta tecnoloxía, abranguendo o ámbito dos avións non tripulados, “no que queremos ser unha industria punteira”. Ao fío disto, sinalou que o aeródromo das Rozas presenta un punto de partida excelente para o desenvolvemento de novos aparellos, servizos e compoñentes vencellados á tecnoloxía aérea de prospección e análise do terreo, un dos piares da nova arqueoloxía.
Na inauguración da xuntanza AARG tamén participou Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC, entidade organizadora do encontro), quen salientou “o importante que é para a nosa terra contar co referencial grupo de investigadores presentes na conferencia, amais de podermos dar conta dos seus coñecementos e desenvolvementos”. Un grupo de arqueólogos e expertos en tecnoloxías de análises do terreo no que, por certo, inclúense investigadores de universidades como as de Santiago de Compostela, Oxford ou Viena; de entidades como o Ludwing Bonzmann Institute for Archaeological Prospection e Virtual Archaeology e de organismos relacionados coa xestión do patrimonio como o English Heritage, a Royal Commission for the Ancient and Historical Monuments of Scotland ou o Instituto de Patrimonio de Noruega.
Entre eles, informou os días previos o INCIPIT-CSIC figuran algúns dos expertos que “máis contribuíron ao desenvolvemento da arqueoloxía aérea en Europa”, como por exemplo Chris Musson, ou responsábeis de grandes proxectos europeos como Axel Posluschny, coordinador da iniciativa Archaeolandscapes Europe (na que participan preto de 30 universidades europeas), ou algúns dos investigadores máis punteiros no emprego das últimas tecnoloxías dixitais para a prospección arqueolóxica, como Michael Doneus ou Geert Verhoeven da Aerial Archaeology Research Group.
Na inauguración, Criado falou igualmente da misión do INCIPIT e das posibilidades da industria dos vehículos non tripulados no impulso da arqueoloxía, unha disciplina que está a vivir “unha plena revolución” grazas a estas e outras tecnoloxías, como as que posibilitan as imaxes por satélite ou o escaneado de láser. Ao seu xuízo, a xuntanza da AARG que se celebra estes días en Santiago (até o venres) debe servir, tamén, para preguntarnos polas implicacións sociais, humanas e culturais de todos estes cambios xerados polo coñecemento avanzado, as implicacións presentes e futuras non só dende o punto de vista arqueolóxico, senón universal.
Como dixemos, as sesións do encontro están a ter lugar no centro cultural Abanca (Praza de Cervantes) en horario de mañá e tarde. O programa desenvolverase estes tres días ao redor de relatorios convidados a cargo de arqueólogos que desenvolven o seu labor en institucións académicas e empresas privadas e sesións temáticas acerca de tres grandes bloques: as novas tecnoloxías para a prospección arqueolóxica empregadas en proxectos de investigación realizados en lugares como España, Hungría, Alemaña, Estados Unidos ou o Himalaia; os avances técnicos en prospección arqueolóxica, e, por último, a utilidade destas tecnoloxías en lugares con importantes patrimonios arqueolóxicos en perigo por conflitos bélicos ou desastres naturais (Oriente Próximo, Norte de África, Nepal...).

PUBLICIDADE