O parque das Rozas esperta o interese de varias multinacionais

martes, 21 de xullo do 2015 Redacción

Esta semana botaba a camiñar a primeira das xornadas de Civil UAVs Initiative, unha proposta que pretende crear un polo tecnolóxico industrial arredor dos sistemas aéreos non tripulados (drons) e na cal están a participar máis de 300 representantes de multinacionais como: Airbus, Boeing, AgustaWestland, Elbit Systems, Acciona, Everis e Indra. Estamos perante unha iniciativa empresarial da Xunta que suporá un investimento total duns 55 millóns de euros até 2020 no polo tecnolóxico das Rozas (Castro de Rei, Lugo).
As ditas xornadas tentan tecer alianzas para a presentación de ofertas conxuntas, polas que xa amosaron interese empresas como INAER ou Airbus Defence and Space.
Cómpre dicir que ao acto de inauguración asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen sinalou que o proxecto "implica confirmar un cambio importante, que o xiro económico xa é incuestionábel" e o director do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Ignacio Azqueta, quen asegurou que o instituto ao que representa irá "da man" coa Xunta e o Executivo central nesta iniciativa, xa que a presenza dos UAV no eido civil repercutirá "na mellora dos servizos públicos" colocando a España á cabeza do sector. Outra das participantes na xornada foi a secretaria xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Ministerio de Economía e Innovación, María Luísa Poncela, quen salientou a "visión" da Xunta ao envorcarse no sector, centrándose "nun mercado emerxente" querendo ser os primeiros en estar no desenvolvemento dese mercado".

PUBLICIDADE