A nosa lingua liderou este mércores a listaxe temática de Twitter

xoves, 7 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A iniciativa da que falamos onte en Código Cero para facer visible o galego no Twitter, e así prestixialo ao máximo na Rede, saldouse finalmente cun éxito. Así nolo contan dende o obradoiro Galegolab os responsables da acción colectiva (que mobilizou a unha chea de usuarias/os de Twitter do noso país) e así o reflicten medios como Galicia Hoxe ou Xornal.com, que cualifican o afianzamento twitteirán da nosa lingua de “triunfo”, ao converterse o galego en tema principal de tweet-conversa durante o serán de onte día 6 de outubro. O método para conseguir situar á nosa fala entre as cuestións salientables do día foi o seguinte: a través da introdución masiva na dita rede social da etiqueta #galega, un labor que foi despregado por un total de 258 internautas enviando 1.148 tweets.
A achega, que se desenvolveu ao longo dunha hora, puxo de manifesto que serían precisos 750 internautas e arredor de 3.300 envíos para chegar a figurar no top 10 das etiquetas máis empregadas ao longo dunha hora da tarde. Polo tanto, non se acadou o obxectivo de emprazar ao galego no punto máis alto das temáticas tratadas en Twitter, pero si que se conseguiu o mellor posto a nivel estatal. “Estamos moi satisfeitos porque xa é un mérito situarnos como os primeiros no Estado; ademais, os participantes pasárono moi ben durante ese tempo”, comentou perante Xornal.com Henrique Sanfiz, director de Radiodifusión e un dos grandes promotores da iniciativa en liña.

PUBLICIDADE