Este mércores celébrase en Twitter unha mobilización colectiva para reforzar o galego na Rede

mércores, 6 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Radiodifusión está a centrar a súa ollada na Rede, máis polo miúdo na rede social Twitter, para retomar o espírito que alentou o primeiro mitin político en galego, celebrado hai 103 anos co obxectivo de apoiar aos labregos e gandeiros contra os caciques. Desta volta o auditorio muda pero o contido segue a ser o mesmo, e practicamente o mesmo se pode dicir dos caciques, aos que semella que non hai quen os mova por moitas chaquetas diferentes que se vaian poñendo. A iniciativa, dirixida aos 145 millóns de usuarios da dita rede, prolonga dixitalmente o discurso de Manuel Lugrís no devandito mitin amosando a súa vixencia e o conveniente do seu discurso no que se refire a defender a lingua a través da colaboración. En termos máis concretos, o que pretende Radiodifusión é convocar a toda a comunidade galega de usuarios de Twitter entre as 16 e as 17 horas de hoxe, mércores 6, co fin de que envíen entre cinco e dez comentarios sobre a lingua co hashtag: #galega.
O que se busca con todo isto é prestixiar a nosa lingua mediante a súa inclusión nos trending topics, que son as cuestións máis tratadas na dita rede social.
Detrás desta mobilización virtual atópase como dixemos Radiodifusión, que para estes obxectivos contou co apoio da comunidade de usuarias e usuarios do portal Galegobab, onde se propuxo como idea para ir logo collendo corpo. A xuízo dos responsables desta incursión no Twitter, sería de abondo con lograr que cincocentos internautas enviasen 1.200 tweets sobre a lingua.

PUBLICIDADE