A edición de chíos chegará finalmente a Twitter

martes, 5 de abril do 2022 Marcus Fernández

A compra do 9,2% das accións de Twitter por parte de Elon R. Musk, converténdose no meirande accionista individual da compañía, non quedou nunha mera operación económica, pois o director xeral da compañía, Parag Agrawal, confirmou hoxe a incorporación de Musk ao cadro directivo da compañía.
Musk parece estar a aproveitar a ocasión para dar a imaxe de ser o motor do cambio en Twitter, pois ás poucas horas de que publicase unha enquisa sobre a posibilidade de que por fin se incorpore un botón para editar chíos, dende a propia Twitter saíron a confirmar que levan un ano traballando nesa funcionalidade que probarán nos vindeiros meses cos subscritores de Twitter Blue para coñecer mellor as repercusións de tal función antes de liberala para todos os usuarios.
Este anuncio sorprendeu aos usuarios especialmente polo feito de que o 1 de abril publicaron un chío asegurando que «estamos a traballar nun botón de editar», pero ao ser en tal data entendeuse que era unha broma. En calquera caso, non temos aínda data para o lanzamento en probas da funcionalidade (nin detalles de como será o seu funcionamento), polo que podemos entender que tardaremos moitos meses en poder gozar do botón de editar chíos de xeito xeral.

PUBLICIDADE