Elon Musk faise co 9,2% de Twitter

luns, 4 de abril do 2022 Marcus Fernández

A poucos días de insinuar que podería involucrarse na creación dunha alternativa a Twitter poñendo en dúbida a defensa da liberdade de expresión por parte de tal plataforma, Elon R. Musk adquire o 9,2% das accións de Twitter, converténdose no maior accionista individual da compañía, aínda que non transcendeu que a operación responda a un interese concreto. As 73.486.938 accións adquiridas por Elon Musk Revocable Trust terían un valor duns 2.890 millóns de dólares no momento da compra.
Esta operación provocou que os mercados considerasen máis atractivas as participacións en Twitter, disparando o seu prezo un 28%, o que segue mantendo a cotización da compañía en valores bastante baixos. Lembremos que hai un ano as accións de Twitter superaban os 70 dólares e agora non chegan aos 40, sendo notable a perda de confianza na compañía a partir de finais de outubro, cando entrou nunha caída de valor que parecía imparable, probablemente por considerase que a plataforma estancou o seu crecemento mentres que outras plataformas sociais como Instagram e TikTok manteñen un forte pulo.

PUBLICIDADE