A aplicación de participación galega Wej Circle premiada en Barcelona
mércores, 4 de marzo do 2015
Franco Pérez,
enxeñeiro do Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo, vén
de rematar o periplo de innovación tecnolóxica de Imagine
Express que avanzamos
dende Código Cero os días pasados, salientando que se trataba
dunha convocatoria do emprendedor catalán Xavier Verdaguer ao abeiro
da súa iniciativa Imagine Creativity
Center, un espazo de traballo radicado en Silicon Valley (Estados
Unidos) dende o que se convoca cada ano a desenvolvedores españois
para traballar en retos concretos. Precisamente
nisto consistiu a experiencia de Franco Pérez: en acometer un
desafío tecnolóxico e en facelo ademais de viaxe por Europa. Máis
polo miúdo, foron catro días de estadías en Barcelona, París,
Londres e de novo Barcelona. A xuízo de Franco, a experiencia de
participar en Imagine Express 2015 resultou ser espectacular.
Ao seu carón, pechando
fileiras, tivo un equipo de 36 desenvolvedores seleccionados de entre
máis de 2.000 profesionais de toda España, co obxectivo común de
dar forma a aplicacións móbiles innovadoras e avanzadas, nunca
vistas. No equipo no que Pau Argelaguet puxo a idea e Elizabeth Lee
as técnicas de negocio, Franco Pérez encargouse, en colaboración
en remoto cos tamén enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial da
Universidade Aaron Narcellas, Bibiano Fernández-Arruti, Xabi Crespo
e Diego Hurtado, de dar forma á parte técnica de Wej Circle, un
sistema que permite compartir música entre varios usuarios mediante
o emprego dun algoritmo. Con este sistema, explica Pérez, o equipo
recibiu no transcurso do Barcelona Mobile World Congress un galardón
da Dirección de Innovación do Ajuntament de Barcelona, que o
acredita como o mellor prototipo.
Porén, Wej Circle non
estivo entre os catro proxectos gañadores do Image Express 2015, que
premiou unha aplicación para diabéticos, Buddyfit; unha app
destinada a reducir o número de accidentes dos operarios que
traballan sobre o terreo, Safe&Sound; outra ferramenta dirixida a
formar ao máis cativos e cativas en finanzas, FunForFamily; e outra
que ten a finalidade de recuperar a rúa como zona de lecer para
nenos e nenas, HybridPlay. Malia todo, Franco Pérez amosou a súa
satisfacción polo recoñecemento obtido en Barcelona, “e máis por
ser unha distinción ao traballo en equipo con Pau Argelaguet e
Elizabeth Lee, pero sobre todo, cos compañeiros da Agrupación
Aeroespacial”.