Un enxeñeiro da UVigo formará parte da segunda edición de Imagine Express

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo vén de acoller a presentación do representante da institución académica viguesa que participará na segunda edición da Imagine Express, unha convocatoria que dá comezo este venres da man do emprendedor catalán Xavier Verdaguer ao abeiro da súa iniciativa Imagine Creativity Center, un espazo de traballo radicado en Silicon Valley (Estados Unidos). Dende este espazo, unha vez ao ano, unha ducia de españois e españolas traballan durante un mes en retos de desenvolvemento tecnolóxico lanzados por diversas empresas e entidades. Verdaguer e Sonia Mulero, directora adxunta da Fundación Banco Sabadell, foron os encargados de presentar na escola viguesa ao elixido para participar en Imagine Express.
Trátase de Franco Pérez Lissi, enxeñeiro, arxentino de nacemento e residente en Galicia dende hai máis dunha década. Franco subirá este venres a un tren en Barcelona acompañado doutros 35 dreamers seleccionados entre máis de 2.000 persoas, para participar nun equipo formado por outros dous convocados no desenvolvemento de aplicacións móbiles. En Londres, informa a Universidade de Vigo, os equipos presentarán na London Eye as súas propostas. As catro mellores aplicacións móbiles serán dadas a coñecer no Barcelona Mobile World Congress, que terá lugar entre los días 2 e 5 de marzo e posteriormente en Silicon Valley.
Finanzas, saúde e deporte, auga e unha categoría aberta, son as liñas de traballo sobre as que deberán versar as propostas dos e das participantes na Imagine Express 2015.
Formado como enxeñeiro de Telecomunicación, primeiro en Vigo e posteriormente no Virginia Polytechnic Institute and State University en EEUU, Franco Pérez forma parte da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo que dirixe o profesor e investigador Fernando Aguado. Franco poderá contar no transcurso da viaxe co apoio dos outros catro enxeñeiros cos que traballa habitualmente na Agrupación Aeroespacial: Aaron Narcellas, Bibiano Fernández-Arruti, Xabi Crespo e Diego Hurtado.

PUBLICIDADE