A Xunta convoca un concurso público para outorgar 84 licenzas de radio FM

xoves, 26 de xullo do 2012 Redacción

O Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano aprobou a convocatoria do concurso público para o outorgamento de licenzas para a prestación do servizo audiovisual radiofónico de titularidade privada en Galicia xunto coas bases reguladoras do devandito concurso. A Comunidade Autónoma dispón actualmente de 84 frecuencias dispoñibles para a súa xestión por parte de persoas físicas ou xurídicas.
As bases da convocatoria aprobada hoxe establecen a obrigatoriedade de estruturar as solicitudes de licenza en tres bloques fundamentais: experiencia e proposta de programación, proposta económica e proposta tecnolóxica. As licenzas concederanse por un período de quince anos, sen prexuízo de posibles renovacións, en virtude da lexislación vixente.
Entre os criterios de valoración destacan o fomento do emprego e o compromiso de emitir en galego por riba do límite fixado pola lexislación vixente. Outros aspectos que se terán en conta na avaliación das solicitudes son a viabilidade económica da emisora, as características técnicas do proxecto, as características de emisión e programación, así como o compromiso de non transmitir a licenza durante un período de tempo superior aos dous anos fixados pola Lei de Comunicación Audiovisual.
Este concurso convócase logo de que o Consello da Xunta declarase deserta a convocatoria anterior ao detectar incompatibilidades entre as súas bases e o réxime xurídico do novo Decreto que desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto aprobárase cando xa estaba en trámite o anterior concurso.
Agora, o concurso aprobado hoxe dá solución aos problemas atopados e garante a seguridade xurídica de calquera posible licitador ou adxudicatario das licenzas, ao tempo que salvagarda o interese público.

PUBLICIDADE