A Xunta volverá a convocar o concurso de licenzas para emisoras de radio

venres, 18 de maio do 2012 Redacción

O Consello da Xunta de hoxe tomou a decisión de anular o actual concurso de licenzas de emisoras de radio FM

O Consello da Xunta celebrado hoxe declarou deserto o concurso público para o outorgamento de licenzas para a prestación do servizo de comunicación radiofónica de carácter comercial de ondas métricas con modulación de frecuencia (radio FM) na nosa comunidade autonómica para evitar unha posible inseguridade xurídica, fundamentándose nunha serie de incompatibilidades entre as bases do mencionado concurso e o decreto de comunicación audiovisual radiofónica aprobado en marzo como adaptación ao regulamento estatal establecido na Lei de Comunicación Audiovisual do 31 de marzo de 2010.
Para esta decisión tomouse en conta o criterio do ditame emitido no seu día polo Consello Consultivo de Galicia sobre o mencionado decreto, que consideraba que a denominación “emisoras de carácter comercial” non é correcta, dado que impedía concorrer a aquelas entidades que non tivesen ese carácter; detectándose tamén incompatibilidades entre o réxime xurídico de desistencia previsto no decreto e o réxime xurídico de caducidade establecido nas bases do concurso. O concurso tamén limitaba a prestación de servizos á tecnoloxía analóxica, mentres que o decreto abre a posibilidade a calquera tipo de tecnoloxía.
Para salvagardar o interese público e protexer a seguridade xurídica o Executivo autonómico decidiu declarar o concurso en tramitación como deserto, de xeito que antes de 6 meses convocará un novo concurso.

PUBLICIDADE