A Semana Verde acollerá a presentación de novidades tecnolóxicas aplicadas á dependencia

xoves, 2 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social (CODTS) e a empresa Socyser (procedente do eido sociosanitario) van presentar este xoves día 9 en Silleda –ás 12 horas no auditorio- unha escolma dos avances actuais máis salientables en materia de novas tecnoloxías para a mellora de calidade de vida das persoas non autónomas. A cita, que se enmarca na celebración da Semana Verde e máis polo miúdo na terceira xornada O presente e o futuro do Servizo de Axuda no Fogar ante a Lei de Dependencia, centrarase en dar a coñecer dous proxectos xurdidos da investigación universitaria. Por unha banda, a iniciativa Telexerontoloxía, achega de coidados médicos a distancia da que xa temos falado nesta mesma web e na que traballan especialistas da Universidade da Coruña. Pola outra, o proxecto I-Walker, un camiñador intelixente desenvolvido pola Universidade Politécnica de Catalunya, en colaboración con Italia, Alemaña e Romanía.
Na xornada, que vai ser inaugurada oficialmente por María Xesús Lago, secretaria xeral de Benestar, está previsto que participen profesionais de todos os ámbitos dos servizos sociais, entidades vinculadas a persoas con diversidade funcional (Fundación Edad y Vida ou a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI) e os devanditos centros de investigación das universidades da Coruña e Politécnica de Catalunya.
O obxectivo de todos eles: avaliar os retos e oportunidades en canto ao proceso da aplicación da Lei de Dependencia, “unha nova regulación que está a mudar de maneira integral o eido social”, sinala o CODTS.
O Grupo de Investigación de Xerontoloxía da Universidade da Coruña (UDC) liderado polo catedrático de Universidade José Carlos Millán Calenti e formado por profesionais da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados “A Milagrosa” vai ser o encargado de presentar o sistema de Telexerontoloxía. A ferramenta apóiase sobre todo en engadir vantaxes das novas tecnoloxías ós avances da asistencia médica a distancia. Trátase dunha iniciativa galega pioneira en Europa que permite efectuar valoracións cognitivas on line (consultas a distancia) e personalizar as actuacións terapéuticas. Segundo este proxecto, non é preciso que se despreguen no fogar do doente incómodas infraestruturas, xa que os servizos tecnolóxicos tenden a ser cada vez máis invisibles. Para utilizar o sistema, unicamente fai falla liña telefónica convencional, un televisor e unha pasarela residencial (a peza que permite a interconexión de tódolos dispositivos e a comunicación co exterior).
O proxecto é tanto máis innovador en Galiza e España por ser unha iniciativa conxunta entre universidades (a da Coruña e a de Vigo, esta última co Grupo de Enxeñería Telemática), institucións (Dirección Xeral de I+D), fundacións (Obra Social de Caixa Galicia), centros de investigacións (CESGA), colectivos (Asociación de Pensionistas e Xubilados da Coruña) e empresas (a galega de telecomunicacións Televés).
Pola súa banda, a Universidade Politécnica de Cataluña amosará un camiñador intelixente chamado I-Walker, unha das ferramentas asistencias deseñadas no marco do proxecto europeo Sahre it e no que participan, ademais de España, Italia, Alemaña e Romanía. Este sistema, que se activa por voz, ten capacidade para comunicarse co usuario, pensar por si mesmo e reaccionar segundo o contorno. Con este desenvolvemento, o andador convencional convértese nun sofisticado sistema robótico con software propio, para aportar autonomía ao usuario.

PUBLICIDADE