Telexerontoloxía: un proxecto galego a seis bandas para mellorar a calidade de vida das persoas con limitacións físicas
As novas tecnoloxías do coñecemento non só nos manteñen máis informados senón que, ben administradas, poden ser abondo beneficiosas para a nosa saúde. Sobre todo, se a innovación traballa no camiño de mellorar a asistencia a aquelas persoas que, por calquera motivo, teñen limitada a súa mobilidade ou a capacidade cognitiva. Iso é, precisamente, a telexerontoloxía: engadir as vantaxes das novas tecnoloxías ós avances da asistencia médica a distancia. Un exemplo disto é o proxecto do mesmo nome, presentado este martes 19 no Centro Xerontolóxico de A Milagrosa da Coruña, unha iniciativa galega pioneira en Europa que permite efectuar valoracións cognitivas on line (consultas a distancia) e personalizar as actuacións terapéuticas.


Segundo este proxecto, non é preciso que se despreguen no fogar do doente incómodas infraestruturas, xa que os servizos tecnolóxicos tenden a ser cada vez máis invisibles. Para utilizar o sistema, desenvolvido polo Grupo de Xerontoloxía da Universidade da Coruña, unicamente fai falla liña telefónica convencional, un televisor e unha pasarela residencial (a peza que permite a interconexión de tódolos dispositivos e a comunicación co exterior). Para o funcionamento do sistema requírese un mando de control que cumpre tódolos criterios de accesibilidade para persoas con limitacións físicas ou cognitivas e unha pulseira de alarma, que é un dispositivo móbil que lle permite ó doente facer peticións de auxilio, estando fóra ou dentro do fogar, e que posibilita a súa localización inmediata.
Estas son as funcionalidades deste servizo:
· Aplicación para a xestión de historiais clínicos
· Aplicación de teleestimulación cognitiva
· Videoconferenzas de atención médica e rehabilitación
· Dispositivo navegador accesible
· Pulseira telealarma e localizador do usuario
O proxecto é tanto máis innovador en Galiza e España por ser unha iniciativa conxunta entre universidades (a da Coruña e a de Vigo, esta última co Grupo de Enxeñería Telemática), institucións (Dirección Xeral de I+D), fundacións (Obra Social de Caixa Galicia), centros de investigacións (CESGA), colectivos (Asociación de Pensionistas e Xubilados da Coruña) e empresas (a galega de telecomunicacións Televés). Tódalas persoas que participaron na presentación do proxecto coincidiron en salientar que, moi posiblemente, moi poucas veces se teñen xuntado tantas frontes distintas á hora de levar a cabo unha iniciativa que beneficia ostensiblemente á sociedade. Dito doutro xeito: non é habitual ver a unha empresa colaborando ombro con ombro con institucións públicas, universidades e asociacións. Sen embargo, non por ser pouco frecuente (coincidiron os responsables) debe pecharse definitivamente este camiño de cooperación, senón todo o contrario. Ese é o vieiro a seguir. Para que se entenda, incluímos esta gráfica na que se especifican as diferentes achegas dos implicados.

Toshiba lanza un computador portátil con sistema antirroubo
Os portátiles, non nos podemos enganar, son cada vez máis obxecto de interese desas persoas que adoitan a adquirir todo tipo de obxectos sen mercalos. Algúns fabricantes, tendo en conta o moito que se están a disparar as estatísticas de roubos destes equipos, están comezando a tomar medidas. É o caso de Toshiba, que vén de lanzar ó mercado o que presenta como o primeiro portátil que inclúe sistema antirrobo, o Tecra A3X.
O sistema, que supón un paso máis na liña de seguridade da multinacional, garante a inviolabilidade dos datos que conteña o equipo xa que, en caso de roubo, bloquéase calquera acceso non autorizado. O Tecra A3X permite que o usuario active cun temporizador unha chave para a BIOS que evita o acceso ós datos a hipotéticos ladróns. Deste xeito, di Toshiba nun comunicado, pódese configurar un período de tempo breve, para que, pasado o cal, se ningunha persoa cambia o password de acceso ó sistema operativo, de xeito automático o equipo requira o contrasinal de acceso á BIOS.