A Plataforma polos Dereitos de Autor dos Xornalistas apoia unha emenda que certifica o seu dereito á remuneración polo uso das súas obras na Rede

xoves, 3 de xullo do 2014 Redacción

A Plataforma polos Dereitos de Autor dos Xornalistas (do que forma parte o Colexio de Xornalistas de Galicia) segue a dar mostras de querer dar plena continuidade a un petición que xa lle vén de antigo: a posta en marcha inmediata de medidas que garantan a protección das obras dos xornalistas e da súa autoría ao abeiro das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Se hai uns días reflectimos a súa denuncia a raíz do que consideran “unha apropiación sistemática e ilegal das creacións dos profesionais que representan”, esta semana a plataforma deu novos pasos neste compromiso de seu ao apoiar a emenda presentada polo grupo socialista do Congreso ao ao anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual (LPI).
Na emenda recoñécenselles os dereitos de percibir a remuneración equitativa que no seu día se estableza aos agregadores polo uso de contidos protexidos. Para a plataforma, a proposta de modificación “supón un avance significativo no recoñecemento dos xornalistas e fotógrafos como autores das informacións, e polo tanto tamén como merecedores de percibir os ingresos correspondentes por tales dereitos”.
O texto en cuestión, que modificaría o artigo 32 da LPI, establece que a reprodución polos agregadores de contidos de anacos non significativos de obras e prestacións protexidas “non requirirá autorización, sen prexuízo do dereito dos autores, dos editores, ou, no seu caso, doutros titulares de dereitos a percibir unha remuneración equitativa”. Segundo fai saber a plataforma, a emenda subliña que ese dereito “será irrenunciábel e farase efectivo a través das entidades de xestión dos dereitos de propiedade intelectual”. O colectivo expresou xa a súa arela de que a modificación reciba o apoio doutros grupos parlamentarios, entre eles o Popular, “que manifestaron nos últimos meses a súa posición a favor de que se recoñeza o dereito das empresas editoras e dos autores de noticias a percibir unha remuneración polo uso das súas obras”.
A Plataforma polos Dereitos de Autor dos Xornalistas, creada en xullo de 2013, reúne á Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), o Foro de Organizacións de Xornalistas, que integran a Agrupación de Periodistas de UGT, Periodistas de CC OO, Federación de Sindicatos de Xornalistas, Sindicat de la Imatge UPIFC, Col-legi de Periodistes de Catalunya, Colexio de Xornalistas de Galicia e Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa e Televisión, e os Colexios de Xornalistas de Andalucía, Castela e León e Murcia.

PUBLICIDADE