A Plataforma polos Dereitos de Autor denuncia a apropiación sistemática na Rede das obras do xornalistas e fotógrafos

xoves, 26 de xuño do 2014 Redacción

A Plataforma polos Dereitos de Autor (PDA) emitiu esta semana un comunicado dirixido a pór de relevo unha práctica en claro proceso de proxección e de claras consecuencias negativas para xornalistas e fotógrafos. Trátase da apropiación xeral e sistemática das obras destes colectivos profesionais “ao abeiro de calquera soporte”. Estes feitos, unidos ao uso cada vez máis estendido das redes e dos dispositivos móbiles, fixo que a plataforma propuxese aos grupos políticos varias emendas á Lei de Propiedade Intelectual, arestora a debate no Parlamento. A xuízo do colectivo, os dereitos dos xornalistas vulnéranse de xeito reiterado na Internet.
Segundo engade a PDA hoxe en día as persoas que crean textos ou imaxes, depositarios dos correspondentes dereitos, “non só teñen que padecer uns prezos irrisorios polo seu traballo ou colaboración nun medio de comunicación, pese a que a empresa editora emprégao nos soportes e medios do grupo ou fai asinar contratos leoninos á forza, senón que tamén son vítimas do roubo do seu traballo en Internet”.
Deste xeito, as organizacións que integran a PDA -Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), do que fai parte o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e os Colexios Profesionais de Xornalistas de Andalucía, Castela e León e Murcia- fan público o seu malestar “pola lamentábel e frecuente actuación dalgúns medios de comunicación e dalgúns xornalistas que usan imaxes, vídeos e textos, sen permiso, sen ningún tipo de remuneración, vulnerando ademais as máis elementais normas do Código Deontolóxico”. Lembran tamén que “o feito de que unha obra literaria ou gráfica apareza nalgunha web, blog ou redes sociais da Rede non supón que se poida utilizar con impunidade, senón que ten uns dereitos que non poden ser vulnerados”.
A plataforma tamén salienta “que os produtos intelectuais teñen un valor e deben ser remunerados e que os dereitos de autor son irrenunciábeis”, por iso é polo que presentou xa varias emendas aos grupos parlamentarios, entendendo que o proxecto de reforma non recolle axeitadamente os dereitos de autor dos xornalistas e dos fotoxornalistas, “malia seren expresamente recoñecidos pola Comisión Europea”, explica.

PUBLICIDADE