A Deputación de Pontevedra dará forma a un sistema informático para que os concellos xestionen os seus padróns

luns, 10 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra anunciou a semana pasada a vindeira posta en marcha dun sistema informático que permita a xestión integral dos padróns municipais. O proxecto, que inclúe un orzamento de 500.000 euros, posibilitará que a dita xestión se integre nas plataformas de Administración Electrónica que xa están implantadas nos concellos. A iniciativa foi dada a coñecer pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen engadiu que abrangue non só a implantación do servizo senón tamén o emprego e soporte da solución informática. Tamén dixo que esta solución vai dirixida a permitir a xestión dos padróns en concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
A idea é ampliar a marxe de acción do goberno electrónico nunha chea de concellos (sobre todo os de menos de 20.000 habitantes) que non teñen recursos para asumila. E máis, sinalou Silva, tendo en conta que a lexislación vixente obriga ás administracións locais a actualizaren os seus padróns. En base a isto, engadiu, será a Deputación de Pontevedra a entidade que, na provincia, asuma economicamente esta actualización económica.
Polo que respecta aos detalles do proxectos, Silva dixo que a través del, permitirase a implantación, a migración de datos, a posta en marcha, a formación e o mantemento dun sistema informático que xestione o padrón municipal destes concellos da provincia. As ferramentas a empregar, sinalou, “estarán totalmente integradas nas plataformas de Administración Electrónica que os concellos xa teñen implantadas tamén grazas á Deputación de Pontevedra cun custo de preto de 900.000 euros”.
O proxecto apróbase por un valor de 484.000 euros e dous anos de duración, con posibilidade de prórroga por outros dous anos máis “pola complexidade de elaborar un padrón”, explicou Silva, quen salientou a operatividade do vindeiro servizo: facilitará e axilizará os trámites e reducirá os tempos de espera da cidadanía, ademais de permitir a optimización de gastos e recursos e a xeración “dunha administración máis próxima para os veciños e veciñas”. Ademais, a institución provincial garantirá que estas ferramentas se integren dentro das sedes electrónicas de cada municipio, para permitir que a cidadanía interactúe coa administración por medios telemáticos.

PUBLICIDADE