A Coruña acolle esta semana o Congreso Internacional X.Org Developer’s Conference 2023

luns, 16 de outubro do 2023 S. P.

A partir de mañá, martes 17 de outubro, e até o 19 de outubro o PALEXCO (Palacio de Exposicións e Congresos) da Coruña acollerá a conferencia internacional X.Org Developer’s Conference 2023. Estamos a falar dunha conferencia internacional no sector de gráficos na que se desvelarán as últimas novidades en I+D dos drivers gráficos libres que se empregarán en múltiples plataformas tecnolóxicas, como os computadores APPLE e Raspberry Pi, ou as consolas de videoxogos como Steam Deck.
Neste contexto reuniranse os principais enxeñeiros desenvolvedores de gráficos da contorna GNU/Linux de empresas de ámbito internacional como Valve, Intel, AMD, ARM, NVidia, Canonical, Red Hat, Google, Igalia, Imagination Technologies e Collabora, entre outros.
No dito encontro presentarase e discutirase o futuro dos drivers libres de cartóns gráficos de AMD, Intel, NVIDIA, entre outras, para as interfaces de programación de gráficos en 3D (Vulkan, OpenGL e OpenGL ES). Asemade, falarase do futuro do soporte de HDR en monitores en GNU/Linux, os drivers gráficos libres de distintos dispositivos como son as placas Raspberry Pi e os computadores Apple M1 e M2, así como a presentación do estado actual de moitos elementos que fan posíbel a execución de videoxogos na consola Steam Deck.
Engadir que este congreso é posíbel grazas á organización da empresa tecnolóxica con sede na Coruña, Igalia, e o patrocinio de Google, Collabora, ARM, Microsoft, FEX-EMU,The Linux Foundation, AMD, Khronos Group, Code Weavers. Alén disto, conta coa colaboración de entidades locais como a Oficina de Turismo do Concello da Coruña e a asociación GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Software Libre).
A asistencia é libre e de balde, prevéndose a presenza de máis de 140 persoas. Toda a información do evento pódese atopar na ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE