A Comisión Europea continúa a loitar contra a desinformación e a violencia en redes sociais

venres, 13 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Tras esixir a Elon Musk e a Mark Zuckerbeg que X e Meta loiten con máis forza contra a desinformación en cadansúa plataforma ante a vaga de contidos manipulados que xurdiron por mor do conflito armado en Israel, Thierry Breton amplía a súa solicitude a TikTok, a quen pide especialmente que protexa a nenos e mozos de contidos violentos e propaganda terrorista, así como outros tipos de contidos perigosos.
Pero aínda que poderiamos pensar que as tres solicitudes son iguais, no caso de X/Twitter é bastante máis agresiva, xa que a compañía de Elon Musk abandonou o Código de boas prácticas contra a desinformación que si adoptaron o resto de plataformas sociais e tamén é a plataforma no que hai máis contidos ilegais con moita diferenza, culpándose claramente diso a distintas medidas impostas por Elon Musk no funcionamento de X. Por todo iso X é a única destas plataformas que deron pé a unha nota de prensa da Comisión Europea na que aseguran ter enviado unha petición formal a X no marco da Lei de Servizos Dixitais, pedindo información sobre as medidas que están a adoptar contra o contido ilegal e a desinformación, con especial acento a difusión de contidos violentos e terroristas e discursos de odio.
X deberá explicar á Comisión o funcionamento do seu protocolo de crise antes do 18 de outubro, mentres que para o resto de preguntas ten até o 31 de outubro para responder, sendo bastante probable que esteamos simplemente ante o primeiro paso para a apertura dun expediente formal polo incumprimento da Lei de Servizos Dixitais.
Ante esta situación, mentres Elon Musk volve facer o ridículo pedíndolle a Breton que as comunicacións da Comisión con X se realicen en aberto, Linda Yaccarino dá unha resposta máis formal, asegurando que están a esforzarse ante o que está a acontecer en Israel, e incluso publica unha carta en resposta á misiva de Breton, na que asegura que en X non hai espazo para organizacións terroristas e grupos extremistas violentos, argumentando que eliminaron ou etiquetaron milleiros de contidos, así como fixeron que as Notas da Comunidade estean visibles en centos de publicacións, xerando millóns de impresións (o que é unha resposta sumamente ambigua). Sobre as solicitudes de autoridades dentro da UE asegura ter eliminado máis de 80 contidos.
Resulta bastante curioso que Yaccarino continúe a soster a postura de Musk de reducir a visibilidade do contido ilegal, cando a lexislación fala da súa eliminación. Tamén é abafante a cantidade de contido ilegal presente e a lentitude en actuar contra el (as moi defendidas Notas da Comunidade tardan tantas horas en ser visibles, se é que chegan a selo, que resultan inútiles para frear a propagación de falsidades). Falta agora a resposta da Comisión Europea, que dificilmente considerará que as medidas adoptadas por X son dabondo para protexer aos cidadáns europeos dos discursos de odio e a desinformación.

PUBLICIDADE