A Comisión Europea pide a Meta máis esforzos contra a desinformación

mércores, 11 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Thierry Breton esixiu a Elon Musk que cumprise coa lexislación europea eliminando o contido ilegal en X/Twitter, especialmente estes días nos que o conflito armado en Israel e Palestina está a provocar a proliferación da violencia e a manipulación, pero o comisario europeo non quixo que parecese que se limitaban a turrar das orellas ao responsable de X, senón que poucas horas despois realizou o mesmo tipo de petición a Mark Zuckerberg, pregándolle unha maior dilixencia na loita contra o contido ilegal na Unión Europea dentro das plataformas de Meta.
Non se lle escapa a ninguén que o ton da misiva a Musk e a de Zuckerberg son moi diferentes, xa que no caso de Musk apuntábase ao feito de que X estaba a ignorar as denuncias de contidos ilegais, mentres que no caso de Meta simplemente lembran as obrigas da compañía para cumprir a Lei de Servizos Dixitais.
Breton salienta os avances de Meta no control da manipulación en contextos electorais (que veñen a realiza durante os comicios eslovacos) e lembra a Zuckerberg que hai que continuar a loitar na mitigación dos contidos manipulados que aparecen na Rede e que poden amplificarse nas plataformas sociais.

PUBLICIDADE