nVIDIA ofrece 40.000 millóns de dólares por ARM

luns, 14 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A emerxencia dos dispositivos móbiles nos últimos anos provocou que os procesadores ARM conseguisen unha grande relevancia, converténdose no grande referente e en motores de grandes innovacións, e aínda que ARM Limited non sexa a empresa que fabrique os procesadores dos nosos dispositivos, xogan un rol importante no seu deseño, de aí que houbese moito interese en facerse con esta compañía, sendo finalmente nVIDIA quen fixo a mellor proposta por mercar ARM a SoftBank por 40.000 millóns de dólares.
Esta operación, que aínda terá que ser autorizada por numerosos reguladores (de Reino Unido, Europa, EE.UU. e China), non quere traducirse nunha absorción de ARM por parte de nVIDIA, senón que vese máis como un xeito para estreitar a relación entre ambas compañías, de xeito que ARM manterá os seus cuarteis xerais en Cambridge e seguirá operando como unha empresa independente, sen afectar a futura adquisición aos actuais acordos de licenzas de ARM con numerosos fabricantes de todo o mundo.
Dada a complexidade desta operación, estiman que a adquisición tarde uns 18 meses en poder completarse.

PUBLICIDADE