iVía DGT achega ao iPhone información sobre o estado das estradas españolas

luns, 22 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Aproveitando os datos publicados pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e dos responsables dos Centros de Xestión de Tráfico da Dirección Xeral de Tráfico, actualizados as 24 horas do día, Jaime Fernández Vera desenvolveu unha aplicación para iPhone e iPod Touch que facilita a consulta do estado das estradas españolas chamado iVía DGT, e que pode mercarse na App Store por 2,39 euros.
Esta ferramenta achega información sobre as incidencias nas estradas, podendo filtrase segundo distintos criterios como a localización xeográfica ou o tipo (retencións, incidencias meteorolóxicas, conos, portos de montaña e obras).
Segundo parece, a aplicación aínda está moi verde, pero é de agardar que en sucesivas actualizacións vaian pulíndoa para converterse nunha ferramenta de utilidade para os condutores, aínda que cómpre lembrar que non recomendan o seu uso en marcha, posto que o iPhone/iPod Touch non está optimizado para o seu uso ao volante.

PUBLICIDADE