iTunes supera os 25.000 millóns de cancións descargadas

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a Internet tivo que aturar durante moitos anos o estigma da piratería e o todo de balde, o certo é que certas plataformas dixitais de pagamento conseguiron callar na sociedade grazas a modelos de negocio revolucionarios e mecánicas doadas, de aí que hoxe Apple poida celebrar que a súa tenda dixital de música, películas e series de televisión, iTunes, superase os 25.000 millóns de cancións descargadas, recaendo a honra de rachar tal barreira no tema Monkey Drums de Chase Buch, adquirida polo alemán Phllip Lüpke, quen recibirá unha tarxeta de agasallo de iTunes por valor de 10.000 euros.
Tras máis de 10 anos de actividade iTunes conseguiu converterse na tenda de música máis importante do mundo, con 15.000 cancións descargadas por minuto, ofrecendo dende temas dos cantantes máis populares ata de grupos independentes que deste xeito poden levar a súa música a todo o mundo, algo que dificilmente terían podido conseguir cando imperaban as discográficas tradicionais.
iTunes conta na actualidade cun catálogo de máis de 26 millóns de cancións dispoñibles en iTunes Plus, formato de Apple sen DRM e con codificación AAC de alta calidade a 256 Kbps, cunha grande fidelidade ao orixinal.

PUBLICIDADE