iTunes celebrará o seu 10º aniversario o vindeiro domingo

xoves, 25 de abril do 2013 Marcus Fernández

O 28 de abril de 2003 foi cando Steve Jobs presentou ao mundo iTunes, unha tenda de descargas musicais que rachaba co mercado ao ofrecer cancións soltas a un prezo de 0,99 dólares, fórmula que demostrou ser un acerto ao converter nesta plataforma na meirande tenda musical do mundo con máis de 25.000 millóns de cancións vendidas en menos de 10 anos.
Para conmemorar esta década de vida de iTunes veñen de preparar unha cronoloxía na que poden consultarse os diferentes fitos históricos marcados na súa traxectoria, como o lanzamento da tenda en liña en abril de 2003 con 200.000 cancións (das que a máis vendida era Stuck in a Moment de U2, e o álbum estrea era o Sea Change de Beck), a estrea de iTunes para Windows en outubro dese mesmo ano (inicialmente só estaba dispoñible para usuarios de Mac), a chegada de iTunes a España o 26 de outubro de 2004, a estrea da sección de podcasts o 28 de xuño de 2005 e de series de televisión e vídeos musicais o 12 de outubro do mesmo ano, a chegada das películas o 12 de setembro de 2006, a estrea da App Store o 11 de xullo de 2008 con 500 aplicacións ou a incorporación da iBookstore o 27 de xaneiro de 2010.
A través deste repaso no tempo podemos ver como iTunes era un servizo ligado fortemente aos produtos da liña iPod, pero pouco a pouco foron perdendo pulo, e actualmente é unha plataforma asociada principalmente a dispositivos móbiles como o iPhone e o iPad, quedando os reprodutores multimedia básicos nun plano secundario para Apple, de xeito que o xermolo deste grande éxito global está a ser esquecido por un dinamismo do mercado ao que Apple soubo responder, de xeito que o que antes era un fabricante de ordenadores agora pode verse como un dos principais expoñentes en mercados antes inexistentes, como son os de smartphones e tablets.

PUBLICIDADE