iOS 7.1 abre a porta a CarPlay e recibe numerosas melloras

martes, 11 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os dispositivos móbiles de Apple poden xa actualizarse a iOS 7.1, revisión que busca principalmente incorporar a compatibilidade con CarPlay (tecnoloxía para integrar o iPhone no automóbil), aproveitándose a ocasión para corrixir numerosos fallos detectados e incluír novas prestacións como que agora Siri sabe cando deixar de escoitar (podemos controlar o recoñecemento de voz manualmente deixando pulsado o seu botón ata que deixemos de falar), a cámara activa de xeito automático o modo HDR no iPhone 5S, a aplicación de Calendario estrea unha nova vista de mes e a interface de iOS 7 conta con pequenas melloras estéticas. Tamén se mellorou o recoñecemento dactilar con Touch ID e optimizouse o rendemento no iPhone 4.
Outras novidades incorporadas en iOS 7.1 son novas voces en Siri (aínda que en español non hai cambios a este respecto), facilítase a creación de emisoras de iTunes Radio, permítese subscribirse a iTunes Match dende o dispositivo móbil, os días festivos de moitos países aparecen directamente no calendario, as notificacións de chamadas de FaceTime borraranse automaticamente de responderse dende outro dispositivo e incluso mellorouse a accesibilidade (algunhas aplicacións permiten colocar o texto en letra grosa, a opción de reducir o movemento aplícase tamén a Tiempo, Mensajes e ás animacións de multi-tarefa, e aparecen novas opcións de accesibilidade para, por exemplo, poder escurecer as cores das aplicacións e reducir o punto branco).

PUBLICIDADE