iOS 12.0.1 corrixe un importante fallo do iPhone XS

martes, 9 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Tras a saída ao mercado o iPhone Xs foron moitos os que se lanzaron a buscarlle algún tipo de fallo grave sobre o que poder desatar un escándalo que chamase a atención, e o certo que é rexistráronse bastantes problemas o suficientemente espallados como para tomalos en serio, pero con grande probabilidade de arranxarse mediante actualizacións, como se está a demostrar agora que chega a primeira actualización do dispositivo, que agora conta con iOS 12.0.1.
Nas últimas semanas rexistráronse problemas de cobertura co móbil alí onde o sinal é pobre (á vez que a velocidade mellora onde o sinal é bo), nas fotografías de persoas detectaron unha especie de indesexable filtro de beleza aplicado ás caras que podería ser un problema co modo HDR Intelixente (fallo que coñécese co alcume de beautygate) e, o máis grave de todo, sería que moitos usuarios detectaron que o seu teléfono nalgunhas ocasións non recibía carga ao conectalo mediante cable agás que se desbloquease o dispositivo.
Resulta evidente que o máis urxente de corrixir era este último problema, xa que deixar o móbil conectado ao cargador toda a noite para atopar que pola mañá non ten carga pode ser moi frustrante, e precisamente iOS 12.0.1 corrixe este problema de carga a través de Lightning. Tamén soluciona problemas coas redes Wi-Fi, evitando un comportamento detectado en ocasións nas que, tras perder a conexión na banda dos 5 GHz, reconectaba na menos eficiente banda dos 2,4 GHz. Tamén recupera a posición orixinal da tecla .?123 no teclado do iPad, corrixe un fallo que facía que os subtítulos non aparecesen nalgunhas aplicacións de vídeo e tamén solucionan un problemas coa conectividade Bluetooth.
Queda agora por ver se nas vindeiras semanas solucionarán os problemas coa cámara e coa cobertura móbil que denuncian bastantes usuarios e, de facelo rapidamente, poderiamos entender que a busca de escándalos en produtos tan populares como os de Apple responde unicamente á necesidade de certos medios de captar a atención do público.

PUBLICIDADE