iOS 11 xa está dispoñible

martes, 19 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A partires de hoxe está dispoñible oficialmente a actualización dos dispositivos móbiles de Apple a iOS 11, sistema operativo que supón un importante paso adiante para o iPhone, aínda que o recibirán con aínda máis ledicia os últimos iPad, xa que moitas das súas novidades ían dirixidas a ampliar as posibilidades das grandes pantallas das tabletas para realizar varias tarefas á vez.
Os dispositivos que xa poden actualizarse a iOS 11 son a partires do iPhone 5s, o iPad Mini 2, o iPad Air e o iPad Touch de sexta xeración, ou sexa, que practicamente funciona en todos os dispositivos adquiridos nos últimos 4 anos, aínda que como xa comentamos, os equipos que especialmente agradecen a actualización son os iPad Pro presentados este mesmo ano, que chegaron ao mercado incompletos, porque dende a súa concepción estaban deseñados para empregar iOS 11.
Entre as novidades de iOS 11 podemos destacar a nova aplicación de administración de arquivos, que tamén pode xestionar arquivos en servizos na nube como iCloud Drive, Box ou Dropbox; incorpora un novo Dock para achegar á tableta mecánicas de traballo máis propias de ordenadores portátiles; integra melloras na multitarefa, facilitando a apertura dunha segunda aplicación dende o Dock; estrea a función de arrastrar e soltar, para pasar texto, fotografías e arquivos dunha aplicación a outra dun xeito áxil e sinxelo; incorpora nova tecnoloxía de realidade aumentada; e tamén renova a App Store, facéndoa máis atractiva e dinámica, pero iniciando o que algúns designan como a app-ocalipse, xa que elimina o soporte de aplicacións de 32 bits, ou sexa, de apps que levan anos sen actualizar, o que supón a limpeza de milleiros de aplicacións de vez.
Esta última novidade, aínda que sexa positiva dende a perspectiva da App Store, dende o punto de vista do usuario é todo un problema, xa que fai que moitas aplicacións e, especialmente xogos, deixen de poder executarse, xa que os seus creadores deixaron de actualizalos tras o seu lanzamento (por non ser rendible o mantemento a longo prazo, cando xa non chegan novas vendas). Non falamos precisamente de títulos cativos, xa que xogos como Toy Story 2 ou XCOM: Enemy Within son dos que deixarán de funcionar coa actualización do sistema operativo móbil, pero cómpre lembrar de que Apple informou hai uns 2 anos da necesidade de publicar as aplicacións compatibles cos 64 bits se querían poder manterse na App Store.

PUBLICIDADE