eXXperimenta en Feminino leva a súas exposicións a 30 centros educativos

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

O colectivo eXXperimenta en Feminino da UVigo, composto por profesoras e investigadoras da ESEI (Escola Superior de Enxeñaría Informática), a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, comeza o curso con accións de divulgación que reivindiquen e visualicen as contribucións das mulleres ao progreso científico e e tecnolóxico. No programa inclúense as exposicións As mulleres que nos levaron á lúa e Mulleres na ciencia. As mostras, que queren espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM, percorrerán de balde este curso académico arredor dunha trintena de centros educativos das catro provincias galegas.
14 mulleres destacadas en diferentes áreas
A mostra Mulleres na cencia foi a primeira das postas en marcha polo colectivo, coincidindo coa pandemia da COVID-19. Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da UVigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia. Está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como despois.
A través dos paneis expostos o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no campo da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.
Referentes no eido espacial
O pasado curso académico, eXXperimenta en Feminino puxo en marcha unha segunda exposición, As mulleres que nos levaron á lúa, destinada a recoñecer o traballo de mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa, visualizando referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial. Neste caso, a mostra foi lanzada co apoio da Deputación de Ourense e da Unidade de Igualdade da UVigo. Consta de doce paneis, con textos e ilustracións de Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión “vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, a programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI”. Entre os nomes incluídos están os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Galina Balashova e Christine Darden.
Este curso académico, a exposición Mulleres na ciencia estará, en quendas de 15 días, en 16 espazos das catro provincias galegas (14 centros educativos, unha biblioteca e unha asociación xuvenil), como son o CPR Luis Vives, o IES A Pinguela, o CPR Divina Pastora, o IES Poeta Añón, a Biblioteca de Celanova, o IES Salvaterra de Miño, o IES Universidade Laboral, o CPI Fonte Díaz, o CIFP A Carballeira, o Colexio Miraflores, o CEIP de Seixalvo, o IES República Oriental do Uruguai, a Asociación Xuvenil Amencer, o IES As Lagoas, o CEIP Plurilingües Montemogos e o CEIP Condesa de Fenosa. Pola súa banda, As mulleres que nos levaron á lúa percorrerá neste 2022/2023 14 centros educativos galegos, como son o IES Politécnico de Vigo, o IES Gonzalo Torrente Ballester, o CPI Viaño Pequeno, o IES da Cañiza, o IES Manuel Murguía, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, o IES Rosais 2, o IES San Clemente, o IES Plurilingüe Castro da Uz, o IES O Couto, o IES Fernando Esquío, o CIFP Manuel Antonio, o IES da Terra Chá José Trapero Pardo e o CEIP Ben Cho Shey.
Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual das exposicións na súa web.

PUBLICIDADE