bUSCatermos estrea aplicación para iOS

mércores, 17 de abril do 2013 Marcus Fernández

O recurso lexicográfico bUSCatermos, que permite a consulta da súa base de datos en liña de terminoloxía técnica multilingüe, dá un paso adiante estreando unha aplicación para iPhone desenvolvida por Taptil e a USC, que facilita o acceso en mobilidade a esta base de datos con máis de 150.000 entradas na que podemos atopar información sobre o termo buscado (definición e área de especialidade á que pertence), nomes que recibe noutros idiomas, dicionarios ou vocabularios nos que se documenta a información presentada (só para galego), valoración da calidade das denominacións presentadas e recomendacións para o seu uso e marcadores de termos.
Esta nova aplicación móbil presentouse ante os medios nun acto no que participaron o reitor da USC, Juan Casares; o director de Sixtema, Alejandro Lamas; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o director do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), Manuel Núñez Singala; e o técnico da Área de Terminoloxía do SNL, Xusto Rodríguez Río. Nesta presentación explicouse que bUSCatermos constitúe agora “aínda máis, unha ferramenta de indubidable utilidade” para facilitar o uso do galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas, mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación.
Os contidos do bUSCatermos elaboráronse a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios, glosarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo, así como das propostas terminolóxicas elaboradas polo SNL para darlle resposta a dúbidas concretas.

Imaxes da aplicación de bUSCatermos para iOS

PUBLICIDADE