atlanTTic e Balidea recollen voces en galego para mellorar as tecnoloxías da fala na nosa lingua

venres, 12 de maio do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo e a empresa Balidea traballan conxuntamente no desenvolvemento do proxecto FalAI, que busca recoller voces en galego que permitan mellorar o recoñecemento de voz na nosa lingua en asistentes conversacionais en ámbitos como os coidades da saúde ou os trámites administrativos.
As investigadoras do centro atlanTTic Laura Docío Fernández e Carmen García Mateo, ambas docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, colaboran co investigador da área de I+D+i de Balidea Andrés Piñeiro Martín, co fin de desenvolver tecnoloxías da fala que permitan a comunicación en galego cos dispositivos dixitais e os asistentes de voz domésticos. Esta colaboración lévase a cabo a través dun Doutoramento Industrial, enmarcado no Programa de Doutoramento Industrial cofinanciado pola Axencia GAIN e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
En galego, ao igual que en moitas outras linguas europeas, non existen os recursos necesarios para desenvolver este tipo de tecnoloxías, especialmente en gravacións de diversidade de voces. Neste contexto, o principal obxecto de falAI é recadar exemplos de voces en galego que permitan adestramento de modelos de Intelixencia Artificial (IA) en sistemas que utilizan tecnoloxías relacionadas coa fala. Preténdese xerar datasets na nosa lingua de conversa con asistentes virtuais ao mesmo tempo que se busca deseñar e validar unha metodoloxía de recadación de voces e compartila coa sociedade, especialmente con países con linguas minoritarias e minorizadas.
As tecnoloxías da fala permitirán mellorar a experiencia de comunicación en galego co mundo dixital, especialmente daquelas persoas que por determinada circunstancia teñen un acceso máis difícil a el, como poden ser as persoas maiores ou con algunha discapacidade. O desenvolvemento destas ferramentas tecnolóxicas contribuirán a mellorar a calidade de vida de moitas persoas, permitindo que poidan ter unha mellor interacción cos asistentes domésticos por voz. Isto facilitará, por exemplo, o coidado de persoas que viven soas, executar accións da vida cotiá a través da fala ou mesmo pedir axuda por voz en situacións de emerxencia.
Reto falAI: #a30frases
A iniciativa falAI pretende desenvolver tecnoloxías que permitan ás persoas falar en galego co mundo dixital e para conseguilo creouse a plataforma falai.balidea.com, a través da cal se poden ler frases e se envían as gravación de voz. As achegas realizadas na plataforma son anónimas e, polo tanto, as voces recollidas nunca serán expostas ou escoitadas de forma aberta e empregaranse exclusivamente noutros proxectos de investigación no ámbito das tecnoloxías da fala.
Para dar visibilidade á iniciativa lanzouse o Reto falAI, un chamamento xeneralizado para recoller voces do galego que se fala na rúa. Baixo o cancelo #a30frases levouse a cabo unha campaña en redes sociais que busca a involucración do maior número de persoas posible e que contribuíu a que os resultados do proxecto sexan moi positivos.
As investigadoras de atlanTTic responsábeis de falAI coinciden en que a campaña coa que se acadou a participación de máis de 11.000 persoas, máis de 258.000 gravacións, case 254 horas de gravacións e máis de 1.000 participantes por cada acento, foi todo un éxito. A plataforma continúa activa e poderá seguir sumándose toda a xente que queira colaborar gravando a súa voz en galego.

PUBLICIDADE