aptX Adaptive facilita que o Bluetooth poida substituír ao audio por cable

venres, 31 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A meirande parte dos auriculares sen fíos poden resultar prácticos para efectuar chamadas telefónicas ou para escoitar música con certas concesións, pero resultan claramente deficientes para a reprodución de vídeo ou videoxogos por mor da latencia, e precisamente por iso xurdiron codecs como o aptX de Qualcomm, que vén de estrear unha versión avanzada, aptX Adaptive, deseñado para o seu axuste de xeito dinámico, conseguindo así audio de calidade nunha grande variedade de escenarios.
Podemos considerar ao aptX Adaptive como a solución ideal para gozar de experiencias premium de son sen fíos para videoxogos, vídeo e música, cunha grande vantaxe con respecto a outros codecs, como é o adaptarse a contornos nos que pode haber problemas de conectividade. Esta tecnoloxía comezará a estar dispoñible a través dos procesadores de Qualcomm CSRA68100 e QCC5100, que sairán á venda a finais de setembro, e permitirán a fabricación de auriculares e altofalantes Bluetooth que poidan gozar de aptX Adaptive, codificador que está previsto que estea dispoñible para móbiles e tabletas con Android 9 Pie a partires de decembro.
O codec aptX Adaptive é compatible con vellos dispositivos con aptX e aptX HD, ten unha relación de compresión de entre 5:1 e 10:1 e soporte son até de 24 bits a 48 KHz, que xunto coas características antes detalladas convértese nunha auténtica alternativa ao uso de cables para a transmisión do son, buscando así atender ao cada vez maior consumo de xogos e vídeo en dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE