Zuckerberg anima ás operadoras a contribuír no espallamento da Internet

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Un ano máis o fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, tivo a ben pasarse polo Mobile World Congress de Barcelona para falar da súa iniciativa Internet.org para achegar acceso á Rede a esas dúas terceiras partes do mundo que aínda non están conectadas, comezando cunha conversa coa xornalista Jessi Hempel e ampliando o debate coa incorporación de socios de Facebook neste proxecto representados por Jon Fredrik Baksaas (Telenor), Christian De Faria (Airtel Africa) e Mario Zanotti (Millicom).
Zuckerberg lembrou que o 90% da poboación mundial vive en países en vías de desenvolvemento, e durante o último ano Facebook colaborou con operadores móbiles para ampliar o número de persoas con acceso á Rede, asegurando que grazas á aplicación de Internet.org máis de 500 millóns de persoas en 6 países poden acceder a servizos de información local, de emprego e saúde sen que se lles cobre polo uso de comunicacións de datos.
O fundador de Facebook xustificou a súa presenza en Barcelona por ser o lugar no que se atopan os axentes da Industria, aos que instou a contribuír na misión de espallar o acceso á Rede globalmente, destacando que a longo prazo resulta moi beneficioso, xa que que o crecemento da Internet supón tamén o crecemento dos negocios das telecomunicacións.

PUBLICIDADE