Zendal e Semola entran como accionistas en ChemoSapiens, o Amazon da química con orixe galega

luns, 6 de xuño do 2022 Fernando Sarasketa

Haxel Ozores, director executivo (CEO) de ChemoSapiens

ChemoSapiens, o marketplace de reactivos químicos para a investigación fundado en 2019 con capital 100% galego, comunicou a formalización dun acordo de investimento co grupo empresarial Zendal (con sede no Porriño e referente mundial no desenvolvemento de produtos biolóxicos e vacinas), e con Semola Tech Ventures (sociedade de investimento impulsado polos fundadores de Mestrelab Research).
Ambas as compañías entran como socios estratéxicos en ChemoSapiens, que en só tres anos logrou desenvolver unha plataforma online baseada nunha solución tecnolóxica propia que permite, en palabras dos seus creadores, “reducir de forma substancial os tempos e custos nos procesos de compra de reactivos químicos de empresas e centros de investigación do sector público”.
A compañía opera desde entón en 4 países, contando entre os seus clientes con máis de 80 empresas e institucións de relevancia e un ritmo de crecemento que supera o 20% mensual.
Segundo informan dende o marketplace galego, o investimento dos dous novos socios permitirá que a compañía “afronte con garantías a súa expansión internacional ao mesmo tempo que se incorporen novas categorías de produto complementarias que maximicen a evolución do negocio”. En palabras de Haxel Ozores, director executivo de ChemoSapiens, “poderemos ofrecer un servizo máis completo, global e eficiente aos nosos clientes, e ter acceso a novos nichos de interese”. Ozores tamén salienta “a experiencia destes novos investidores no sector biotecnolóxico, un factor clave para o noso posicionamento no mercado europeo que nos vai permitir acceder a sinerxías estratéxicas que acelerarán o noso o noso proceso de medre”.
ChemoSapiens, a través da súa plataforma online de reactivos químicos consegue comparar, filtrar e adquirir produtos de diversos provedores internacionais, contribuíndo a optimizar os recursos humanos e económicos dedicados a I+D nas empresas e centros públicos do sector químico, farmacéutico e biotecnolóxico. “A nosa solución tecnolóxica permite que os nosos clientes reduzan o tempo investido no proceso de compra nun 80%, aforrando até nun 35% dos custos, sen reducir a calidade nin dilatar os prazos de entrega”, sinala Haxel Ozores, quen explica que a compañía naceu con ese obxectivo duplo: “Acurtar os tempos da investigación e reducir os seus custos”.

PUBLICIDADE