Zara.com cruza novas fronteiras na Rede

martes, 26 de outubro do 2010 Raquel Noya

A tenda virtual por excelencia de Inditex, Zara.com, que dende o seu lanzamento hai cousa de dous meses nunca deixou de medrar, vén de dar o chispo definitivo á Rede de toda Europa, onde a partir do vindeiro 4 de novembro estará activa en cinco novos países. Trátase de Austria, Bélxica, Holanda, Irlanda e Luxemburgo, que a partir do mes que vén poderán comprar en liña a roupa máis demandada do xigante textil galego.
Tan só pasaron 2 meses dende o seu lanzamento oficial o pasado 2 de setembro, e a web, que xa estaba dispoñible en Alemaña, España, Francia, Italia, Portugal e o Reino Unido, chegará agora coas súas prendas e complementos a un total de 11 países europeos, nos que os clientes da compañía poderán adquirir produtos da marca comodamente sen moverse do seu sofá, pagando con tarxetas de crédito, de débito e incluso vía PayPal.
Porén se o que queren é recoller o pedido de balde (sen custes de envío), o único que teñen que facer os clientes é escoller un establecemento de Zara da súa localidade para facerse coas prendas adquiridas, que chegan nun prazo de entre tres e cinco días.
No caso dos envíos a domicilio, os clientes reciben o pedido nun prazo de 48 horas e poden devolvelo, en calquera caso, nas tendas da cadea.
Asemade, dende a compañía informan que todos os pedidos que se realicen a través de Internet, “teñen a opción de recollida a domicilio en caso de devolución ou cambio sen custe adicional algún”.

PUBLICIDADE