YouTube une forzas coa industria musical ante a revolución da IA

luns, 21 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses a intelixencia artificial xenerativa está a ter un impacto moi grande no mundo da música, cunha grande incógnita sobre o regulamento legal desta tecnoloxía que non está recollida nin amparada por dereitos de autor, o que crea un grande conflito ao que YouTube está a reaccionar chegando a un acordo con industria musical a través do que establecen un principios sobre o uso da IA na música á vez que crean unha incubadora con Universal Music Group.
Os principios que establecen son os seguintes:
1- A IA está aquí, e aceptaremos a responsabilidade xunto cos nosos socios musicais (aseguran que só en 2023 os vídeos de YouTube sobre IA superaron os 1.700 millóns de reproducións).
2- A IA está a marcar o comezo dunha nova expresión creativa, pero debe incluír proteccións axeitadas e desbloquear oportunidades para os socios musicais que decidan participar.
3- Creamos políticas de contidos e unha organización de seguridade e confianza líder na industria. Escalarémolos para afrontar os desafíos da IA.
Temos así que recoñecen o potencial da intelixencia artificial na creación musical, de xeito que procurarán explorar novos camiños en vez de oporse a unha revolución imparable; pretenden facer evolucionar a tecnoloxía de Content ID que facilita a protección do copyright en YouTube; e tamén queren pór cancela ás falsidades creadas mediante IA.

PUBLICIDADE