YouTube toma medidas contra os bloqueadores de anuncios

venres, 30 de xuño do 2023 Marcus Fernández

YouTube ofrece un servizo de pagamento para librar aos usuarios da publicidade, pero non son poucos os usuarios que en vez de subscribirse a YouTube Premium optan por empregar bloqueadores de publicidade para librarse dos anuncios, comportamento que a plataforma non parece estar moi disposta a tolerar a longo prazo, polo que iniciou probas para desactivar a reprodución de vídeos aos usuarios que empreguen bloqueadores de anuncios.
Na actualidade hai moitas páxinas web que impiden o acceso aos seus contidos se empregamos un bloqueador, e agora YouTube proba unha medida semellante para instar aos usuarios a deixar de empregar este tipo de ferramentas ou a subscribirse a YouTube Premium se non queren que as sesións de vídeo se vexan interrompidas por anuncios.
O sistema que está a probar YouTube só bloquea a reprodución de vídeo cando un usuario ignora repetidamente os avisos para desactivar o seu bloqueador de publicidade. Este sistema contra o bloqueo de publicidade tense xa detectado tanto na versión web como na versión móbil de YouTube, e chega nun momento no que a plataforma está a potenciar anuncios de até 30 segundos de duración que non poderán saltarse, de aí que sexa lóxico que tenten protexer este tipo de formatos publicitarios que xeran grandes ingresos para a compañía.

PUBLICIDADE