YouTube quere publicar anuncios en vídeo de 360 graos

xoves, 23 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nike xa publicou un vídeo de 360 graos o mes pasado para promocionar unha das súas zapatillas ofrecendo unha vista en primeira persoa do futbolista Neymar Jr.

O pasado mes de marzo YouTube incorporou o soporte de vídeo en 360 graos, o que facilita que dende o móbil poidamos gozar de vídeo envolvente ou que gocemos da súa visualización con sistemas de realidade virtual como Oculus Rift ou un sinxelo cartón de Google, e agora quere espallar o uso desta tecnoloxía á publicidade, de xeito que presentan os anuncios en vídeo en 360 graos.
Con este tipo de publicidade buscan que o público poidan conectar coas marcas dun xeito innovador e moi inmersivo, xa que este formato de anuncio pode gozarse en sistemas de realidade virtual ou, simplemente, nun móbil ou tableta facilitando o axuste do punto de vista. Para que os anunciantes poidan saber o que pode dar de si este formato dende Google recomendan ver uns vídeos de 360 graos publicados por Coca-Cola e Nike, que no caso de visualizalos colocando o noso smartphone nun cartón de Google xa nos permitirá botar un ollo a este formato emerxente.
De conseguir popularizarse o vídeo envolvente, está claro que a publicidade no mesmo formato sería moi axeitada, de aí que Google queira animar aos anunciantes a apostar por este tipo de gravacións que cada vez son máis doadas de realizar grazas ao lanzamento de cámaras de 360 graos como a Ricoh Theta, a Kodak SP360, a Giroptic 360cam ou a IC Real Tech Allie, que están xa dispoñibles ou o estarán en breve a prezos asumibles.

PUBLICIDADE