YouTube permite aos seus usuarios activar o soporte de HTML5

xoves, 21 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Dende YouTube levan un tempo probando a reprodución de vídeo baseándose en HTML5, de xeito que os usuarios que conten con navegadores web modernos (coma Google Chrome ou Safari) poderían prescindir da tecnoloxía Flash de Adobe para a reprodución multimedia, o que permitiría un mellor rendemento e supón un importante avance de cara ao futuro, de xeito que multitudes de dispositivos (dende teléfonos móbiles ata televisores) terían facilidades para acceder aos vídeos de YouTube sen ter que contar cunha tecnoloxía intermedia e propietaria.
Avanzando nesta dirección, agora permiten activar esta funcionalidade, de xeito que os usuarios que o desexen poderán reproducir moitos dos contidos de YouTube a través de HTML5, o que polo momento ten certas limitacións nesta fase de probas, coma non soportar vídeos con avisos, subtítulos ou anotacións.
Cómpre lembrar que o HTML5 é un estándar que inclúe o soporte de audio e vídeo, deixándolle a súa reprodución ao navegador web, o que mellora considerablemente o rendemento dos vídeos, evitando unha capa intermedia que en moitas ocasións resulta problemática.

PUBLICIDADE