YouTube estrea a Vista Teatro nunha serie de vídeos de proba

martes, 7 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A Vista Teatro se completa co efecto Luces Apagadas permitindo unha mellor visualización de vídeos en YouTube, coma o discurso de Steve Jobs hai 3 anos na Universidade de Stanford

YouTube quere mellorar a experiencia de visualización dos seus vídeos, e está a probar un par de efectos que polo momento só se poden ver nuns poucos vídeos da serie Authors@Google, das universidades de Stanford e Carnegie Mellon e dos estudos cinematográficos Vancouver. Falamos da Vista Teatro (que debería chamarse Vista Cine), que recoloca os bloques de YouTube para permitir un maior espazo horizontal, de xeito que o faría apto para contidos panorámicos (aínda que nos vídeos de proba aparecen bandas negras laterais, pois corresponden a gravacións en formato 4:3), e da opción de Luces Apagadas, que complementa ao modo de visualización anterior escurecendo a interface de YouTube para dar prioridade ao vídeo en reprodución.
Este novo xeito de ver vídeos en YouTube podería preceder a un reprodutor de vídeos panorámicos en alta calidade, o que en boa medida serviría para unha reprodución agradable sen ter que optar polo modo de pantalla completa (que normalmente acusa en exceso a pouca calidade dos contidos en YouTube).
Agora que dende a propia web de YouTube é posible subir vídeos de ata 1 Gb de tamaño (o que para un máximo de 10 minutos de duración supón unha calidade moi elevada) enténdese que vaian adaptando o seu servizo a vídeos de alta calidade (pois os competidores ao portal de vídeos de Google normalmente xa achegan unhas resolucións de vídeo máis elevadas).

PUBLICIDADE